Skip to main content

Por Raúl Río

O pasado 17 de novembro finou en Romeán (Lugo) Darío Xohán Cabana, na casa que con tanto cariño restauraron el mais a súa inseparable compañeira Amelia Outeiro. Co seu pasamento perdemos un gran poeta, un gran novelista e un mellor amigo, pro deixounos o seu imprescindible legado literario e na compaña do señor Galván, que xa para sempre se quedará en Saor, buscando o Santo Grial por toda a Patria do mar; deixounos con Merlín en Lobar, nas terras de Miranda; con Fortunato de Trasmundi, porteiro da equipa a equipa de fútbol masculina de Cuspedriños de Riba, que acompañado de  Crisóstomo Bocadouro, buscarán por toda a chaira novas fichaxes, cos que poder gañarlle á equipa feminina de Cuspedriños de Baixo e así poder declararlle o amor a súa capitana Hermelinda,  amor que non quere declararlle mentres siga sendo derrotado deportivamente todos os anos por ela e a súa equipa; co rei García e o cervo na torre.

A súa vida literaria tivo moito que ver co gran Manuel María, pois cando so tiña dezasete anos, a principios de 1969, viaxa a Monforte convidado por el, e despois a viaxe repetíase a miúdo, xa que era o referente poético de Darío e o poeta de Outeiro considerábao “afillado poético” como me ten contado nos nosos paseos ao longo da ría do Nervión, cando viña por Santurtzi, e foron tamén os seus padriños de voda el e mais Saleta.

Tiven o gusto de coñecelo a el, a súa dona e aos seus fillos (daquela nenos) nun Festival de Pardiñas, e despois, en xuño do 1981, atopámonos na sede de INTG de Lugo, onde traballaba de liberado. Falamos pausadamente dos problemas políticos da nosa terra e agasalloume co libro “Ábrelle a porta o dia” que acababa de publicar, afirmando na dedicatoria que “maña haberá sitio para todos na Galicia que virá”

En 1983 deixa a INTG e consigue unha praza de garda municipal no Concello de Corcubión, onde axudou a crear o Batallón literario da Costa da Morte para facer patria, sementar cultura e defender o idioma, ata que en 1987 consigue por oposición, unha praza de funcionario no Concello de Lugo e empeza a traballar no Auditorium Municipal. As dúas últimas veces que falei con el foi o 13 de novembro de 2010, cando Xermolos e a Irmandade Manuel María tiveron a feliz idea de homenaxealo dedicándolle o merecido “Hectómetro Literario” no Paseo dos Soños de Vilalba, e a derradeira foi o 14 de abril de 2011 no local da Real Academia Galega, na Coruña, na presentación do libro traducido por el, Os trobadores de Occitania.

Quezas sexa o escritor galego mais premiado de todos os tempos e xa con dezasete anos, en 1969, acadou o primeiro premio Breogán de contos, do Centro Galego de Barakaldo, co “Conto parvo en tres tempos e medio”, sendo Gabriel Aresti membro do xurado, que logo lle di nunha carta, o 7 de maio de 1969, a Manuel María (quen tamén presentou o conto, “Carta a un amigo que vive no estranxeiro”), que gañara un “estudiante, del que me dicen que solo tiene quince años”.

O 2 de xullo de 1995 emocionounos a todos os galegos e galegas emigrados que escoitamos o seu pregón do X Día de Galicia en Euskadi, que se celebrou ese ano no barrio bilbaíno de Txurdinaga, no que nos dixo, entre outras cousas:

“Meus señores e irmáns. Euskadi é ferro e industria, terra e grandes minerías; Euskadi é viaxe e aventura, mar de navegacións e pescarías. Na terra e no mar somos irmáns. Somos Irmáns nas vellas ferrerías das montañas do oriente de Galicia, somos irmáns nos fornos altos da ría do Nervión. Somos irmáns no bacallau e no bonito, no mar de Terra Nova, no Cantábrico noso e mais no mar do Gran Linguado. Somos irmáns porque queremos…

Somos irmáns polo infortunio histórico de formar parte dun estado que esmaga as diferencias, que destrúe as nacións, que borra as linguas e que humilla os pobos. E somos irmáns nese combate pola razón e pola dignidade, pola xustiza e pola liberdade, que é o combate glorioso dos bos nacionalistas das nacións oprimidas…

Na nosa terra hai unha caste especial de imbéciles que loitan coma imbéciles que son contra o idioma galego. Eles, que son galegos de nación, odian o noso idioma nacional. Mais nós, os galegos bos e xenerosos, amamos tanto o noso idioma que tamén estimamos a lingua desta terra…

Amade esta terra marteirada, amade este pobo acolledor, afeito como nós a todos os camiños da terra e mais do mar. Amar Euskalerria é outra forma de amar a vosa patria orixinal. No corazón dos homes e as mulleres collen moitos amores, e non se estorban mutuamente, senón que se aguilloan e potencian. Amade Euskadi e sede tamén vascos; porque se vós, galegos de nación, sodes bos vascos de adopción, seredes mais ricos e mais nobres e mellores galegos. Viva Galiza Ceibe! Gora Euskadi Askatuta!”

Todo un emocionante canto de amizade e fraternidade entre dúas patrias negadas pola ignorancia e a arrogancia dos supremacistas deste imperio centralista.

Que a terra da nosa Patria do mar que tanto amaba lle sexa leve e desde esta Euskadi quixera facerlles chegar o meu mais sentido pésame a súa compañeira Amelia e aos seus fillos Alexandra e Martiño por esta perda irreversible que quedará sempre na nosa memoria.  Agur eta ohore, amigo Darío.