Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Fallados os premios do concurso de fotografía das reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses

Por 4 decembro, 2021Sin comentarios

A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a resolución da comisión avaliadora da sétima edición do Concurso de Fotografía Sendeiros das Reservas da Biosfera Terras do Miño e os Ancares Lucenses.

Lina Iglesias Forneiro, pola súa obra Camiño Primitivo, recibirá o primeiro premio dotado con 800€; Germán Limeres López, coa súa fotografía Lagoa de Cospeito, será galardoado co segundo premio, que está dotado con 500€; e Manuel María Balbas Naveira, que inmortalizou Cores de inverno na senda dos muíños, acadará o terceiro premio, que conta cun importe de 300€. O fallo sairá publicado a semana que vén no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

“Coa temática desta edición pretendíamos poñer en valor, dar a coñecer e divulgar o patrimonio natural e cultural destas Reservas da Biosfera que xestiona a Deputación, e que son unha das ferramentas importantes para o desenvolvemento da provincia”, explicou García Porto. A temática incluía, tanto redes de rutas de sendeirismo e itinerarios, como o conxunto de vías e camiños tradicionais, co obxectivo de amosara  riqueza natural, cultural e paisaxística das reservas Terras do Miño e Os Ancares Lucenses.

Parque Móbil

Por outra banda, a Xunta de Goberno adxudicou o subministro de dúas máquinas compactadoras para o Parque Móbil da Deputación de Lugo por un importe de preto de 90.000€ e a retirada doutras dúas por un importe de 1.500€. Esta nova maquinaria servirá para dar un mellor servizo nas obras en estradas, xa que serven para acelerar o proceso de compactación da terra grazas aos diferentes rodillos que inclúen.