Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O Pleno provincial acorda pedir investimentos nos servizos ferroviarios para a provincia

Por 29 Decembro, 2021Sin comentarios

O Pleno provincial aprobou, a iniciativa do BNG, unha moción en demanda de melloras nos servizos ferroviarios que conectan as comarcas do Lugo co resto de Galiza.

Na exposición da iniciativa, o voceiro nacionalista, Efrén Castro, sinalou que “durante moitos os anos os gobernos do PP e do PSOE en Madrid baleiraron e desmantelaron os servizos ferroviarios en Galiza facendo que un medio de transporte que debía ser preferente en comarcas como por exemplo a de Sarria quedase completamente relegado”.

En relación co agravio que sofre Galiza , e especialmente as comarcas de Lugo, o voceiro nacionalista Efrén Castro lembrou que Lugo é a única cidade do país que non ten conexión directa con Compostela, que en pleno século XXI continúa sen electrificar a vía tanto cara á Ourense como cara á Coruña ou o desmantelamento da liña Ferrol-Ribadeo e dos servizos ferroviarios comarcas do Sur, con deficiencias de persoal e mantemento e unha merma contínua de paradas e frecuencias.

“A chegada do AVE a Ourense supuxo un golpe na conciencia dos veciños e das veciñas porque puxo no primeiro plano unha realidade da que apenas se falaba”, reflexionou o deputado que, incidiu en que, “para Lugo, que ten practicamente como única infraestrutura de conexión directa co resto do país a A-6, coa ameaza de imposición de portaxes nun prazo breve, os servizos ferroviarios son unha cuestión estratéxica”.

A proposta, aprobada cos votos a favor de BNG e PSdeG e a abstención do PPdeG, esixe ao Goberno do Estado a electrificación completa e urxente da vía entre Lugo-Ourense e Lugo-A Coruña; a implantación da conexión directa entre Lugo e Compostela a través do estudo da variante entre Curtis e Ordes; a dotación dos recursos humanos, especialmente maquinistas, necesarios para garantir o servizo tanto nas conexións ferroviarias desde Lugo e desde Monforte como na liña Ferro-Ribadeo; así como a ampliación das frecuencias para garantir un servizo de calidade que responda ás necesidades da poboación e fomente o uso do tren como servizo de cercanías fronte ao uso do vehículo particular.

Ademais, a iniciativa demanda á Xunta de Galicia a transferencia das competencias en materia ferroviaria para iniciar os traballos e estudos necesarios para a planificación e posta en marcha dun tren galego de proximidade.

A iniciativa do BNG, tamén saíu adiante, desta volta por unanimidade, unha moción de apoio ás demandas das gandeirías de carne de vacún, que veñen reclamando á Xunta de Galicia e ao Goberno do Estado medidas eficaces e urxentes para paliar as perdas que acumulan polos baixos prezos da carne e o incremento dos custes de produción, acentuados polo impacto nas cadeas de subministro e na electricidade da crise sanitaria.

A deputada Mónica Freire sinalou que “o sector precisa respostas inmediatas, dilixentes, para garantir prezos xustos, que permitan que os gandeiros e as gandeiras poidan vivir dignamente do seu traballo”. “Débese conformar a cadea de valor agroalimentaria de abaixo cara arriba, evitar practicas desleais, aumentar os supostos nos que é obrigatorio consignar por escrito as relacións contractuais do sector e ampliar o catálogo de practicas desleais a evitar”, enumerou a deputada responsábel de Medio Rural no executivo provincial.

“Necesitamos unha Consellería de Medio Rural que participe activamente e que se comprometa co cumprimento dos acordos entre os axentes da cadea alimentaria para que sexan efectivos e reforcen a posición negociadora dos gandeiros e das gandeiras”. “De non existir solucións reais, moitas destas granxas veranse obrigadas a pechar”, advertiu a deputada nacionalista que destacou a importancia do sector para as comarcas da Fonsagrada, Os Ancares, o Courel ou mesmo A Terra Chá e Sarria.

En relación coas mocións citadas, nas que o PPdeG centrou as súas intervencións na “falta de competencias” da Xunta de Galicia para abordalos, manifestouse durante o pleno a vicepresidenta e deputada nacionalista Maite Ferreiro, “Eu considero que o PP ten competencias e persoas competentes dabondo. Están facendo a política que queren facer. Falamos neste pleno dos servizos ferroviarios, do sector da carne, da pesca. Con todos os anos que levan goberno, se non fixeron máis e porque non quixeron. Porque a súa ideoloxía vai por outro lado. Vai polo desmantelamento dos servizos públicos e dos sectores produtivos deste país”, zanxou.