Skip to main content

A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, vén de comunicar a concesión de axudas en materia de silvicultura activa a case 400 beneficiarios por un importe superior aos 10,2 millóns de euros, para unha superficie de actuación de máis de 5.500 hectáreas.

Estas achegas están dirixidas a executar rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro. Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas, agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual. Cómpre engadir que a xestión forestal sustentable foi obxecto de priorización nesta convocatoria e aqueles montes ordenados baixo sistemas de certificación forestal obtiveron a máxima puntuación.

Se analizamos os beneficiarios por provincias, na de Ourense contabilízanse 149 expedientes para 2.737,17 hectáreas, cun importe de máis de 5 millóns de euros; na de Lugo foron 102 expedientes para 1.119,92 hectáreas, cunha achega total de máis de 2 millóns; en Pontevedra hai 97 beneficiarios para actuar en 1.146,20 ha cunha axuda global de máis de 2 millóns e, por último, na Coruña aprobáronse 45 expedientes para traballar en 524,97 hectáreas cun importe de case 1 millón de euros. Así, no conxunto de Galicia son un total de 393 expedientes aprobados, para unha superficie de actuación de 5.528,26 hectáreas, por un importe de máis de 10,2 millóns de euros.

Estas axudas están bianualizadas e practicamente a totalidade da contía concedida (arredor do 90%) correspóndese ao primeiro semestre do vindeiro ano 2022. Deste xeito, a Consellería do Medio Rural adiántase e asegura unha necesaria continuidade na actividade das brigadas de traballos forestais. Cabe lembrar que segundo os datos da Asociación de Empresas Forestais de Galicia (Asemfo), a execución de traballos silvícolas en 5.000 hectáreas supón a creación ou mantemento de máis de 200 postos de traballo, polo que esta concesión de axudas públicas reforza o compromiso en políticas de emprego activo no sector forestal galego.

O obxectivo destas axudas enmárcase no fomento dunha “nova arquitectura verde” a prol da sustentabilidade, da prevención, da multifuncionalidade e da posta en valor dos montes co fin de que constitúan a cerna dun sector forestal que se consolida definitivamente como unha actividade rural identificativa de Galicia.

Outras liñas de xestión forestal

Doutra banda, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal tramitou ata o de agora pagamentos por máis de 14 millóns de euros nas diferentes liñas de axudas en materia de xestión forestal activa nos montes galegos, que presentaron o remate dos traballos neste ano 2021. En concreto, trátase das ordes bianualizadas convocadas e concedidas no ano 2020 referidas ás axudas para forestación de terras non agrarias, para silvicultura preventiva e elaboración de instrumentos de ordenación e xestión forestal.