Skip to main content
Antas de Ulla

Aberta a licitación do Parque Central de Galicia en Antas de Ulla por 1,4 millóns de euros

Por 30 Decembro, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou que a Xunta de Goberno aprobou este xoves a licitación das obras para a creación do Parque Central de Galicia por case 1,4 millóns de euros. O proxecto que sae a contratación inclúe un pórtico de entrada visible dende a LU-P-0301, unha praza e un monolito situado xusto no centro xeográfico de Galicia, un templete, un edificio multiusos, un parque infantil e dúas fontes, ademais da iluminación, sinalización e mobiliario urbano.

Con estas actuacións, que teñen un prazo de execución de 6 meses, cumprirase o compromiso do Presidente de ter finalizado no vindeiro ano 2022 este gran espazo público de lecer e natureza de 45.000 metros cadrados que impulsa a Deputación para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla, segundo determinou oficialmente o Instituto Xeográfico Nacional.

José Tomé Roca lembrou que, tras adquirir as parcelas necesarias, “no mes de abril presentamos o proxecto do Parque Central de Galicia a toda a sociedade da provincia nun acto público que celebramos en Antas de Ulla, e só uns días despois comezamos xa cos traballos de acondicionamento dos terreos”. Ademais, no mes de agosto arrancaron as obras para a creación dunha zona de estacionamento e a mellora viaria do acceso ao Parque, que teñen un orzamento de 250.000€ e que continúan a día de hoxe.

“Hoxe damos un paso máis, moi importante”, subliñou o presidente, coa licitación dun proxecto que inclúe diversas actuacións. O Parque Central de Galicia contará cun pórtico de entrada visible dende a estrada provincial LU-0301. No lugar no que se sitúa o centro xeográfico construirase unha praza na que se levantará un monolito colocado xusto nas coordenadas que indican a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega segundo o Instituto Xeográfico Nacional. Ao lado dereito do monolito, construirase un templete, unha estrutura aberta polos laterais que servirá para resgardarse e para acoller actividades ao aire libre. Ao lado esquerdo do monolito, levantarase un edificio multiusos con varias dependencias que se poderán utilizar para o desenvolvemento de accións formativas, actividades culturais ou medioambientais e reunións, entre outras

Pensando en crear un espazo de ocio para as familias, escolares e a organización de actividades, construirase un parque infantil que incluirá diferentes zonas de xogo adaptadas a todas as idades.

Tamén está contemplada a instalación de dúas fontes que contarán con auga apta para o consumo humano, a iluminación do conxunto do Parque Central, a sinalización e a colocación dunha serie de mobiliario, como papeleiras de madeira e bancos para poñer a disposición dos veciños e dos visitantes.

O prazo de presentación das ofertas por parte das empresas rematará na primeira quincena de xaneiro.

O presidente subliñou que o proxecto do Parque Central de Galicia, “que se sitúa no mesmo plano que a Granxa Gayoso Castro ou que o Museo e a Finca de Tor”, é unha iniciativa “que fai provincia e que supoñerá un impulso moi importante para a promoción do noso territorio dentro e fóra de Galicia, e polo tanto para a economía e o emprego pola súa capacidade de atracción turística, o que representa tamén unha aposta polo reequilibrio territorial e por fixar poboación no rural”.