Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

A Xunta recibe as ofertas de 7 empresas para completar a renovación de beirarrúas en Castro

Por 29 Decembro, 2021Decembro 30th, 2021Sin comentarios

As obras foron licitadas por case 420.000 € e permitirán actuar en preto dun quilómetro da travesía da estrada LU-113, desde o centro, á altura da praza de Galicia, ata a saída do núcleo urbano en sentido Abadín.

A Xunta recibiu as ofertas de 7 empresas para executar as obras de renovación integral de beirarrúas en Castro Ribeiras de Lea, no municipio lugués de Castro de Rei.

As obras, que foron licitadas cun investimento autonómico de preto de 420.000 euros, permitirán actuar na travesía da estrada autonómica LU-113 ao seu paso polo concello lugués, en preto dun quilómetro de lonxitude: desde o centro, á altura da praza de Galicia, ata a saída do núcleo urbano en sentido Abadín.

Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses e teñen por obxectivo mellorar a seguridade para os peóns, especialmente nos puntos que presenten dificultade de paso para as persoas con mobilidade reducida ou carros de bebé, entre outros supostos.

Máis en detalle, a intervención realizarase na travesía da LU-113, entre os puntos quilométricos 5+070 e 6, onde o tránsito peonil en ambas as marxes da travesía é moi intenso porque acolle numerosos servizos, comercios e dotacións.

Baixo este contrato, e segundo o proxecto redactado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, as novas beirarrúas construiranse cunha anchura igual ou superior a 1,80 metros en toda a lonxitude. Regularizarase a superficie e estenderase unha nova capa de zahorra e outra de formigón, sobre a que se asentará a baldosa hidráulica antideslizante.

Tamén se prevé nesta obra a ampliación e traslado dos sumidoiros ás novas zonas de ampliación e tamén se mellorarán os accesos aos garaxes, entre outras melloras.

Con esta nova actuación, o departamento de Infraestruturas vén completar os traballos realizados o pasado ano no tramo comprendido entre os quilómetros 3+820, á altura do camposanto, preto de Duarría, e 5+070, cun investimento de 266.500 euros.

Deste xeito, o investimento total da Xunta para a renovación integral desta travesía, que se acomete en dúas fases, ascende aos 686.500 euros.