Skip to main content
Lugo

Os desexos dos lucenses para o 2022

Por 19 Decembro, 2021Decembro 20th, 2021Sin comentarios

Achéganse as datas máis esperadas do ano para moitos lucenses. Nesta ocasión os veciños e veciñas de Lugo pretenden comezar o 2022 con máis ilusión e forza deixando atrás un ano no que se seguiron vivindo os efectos secundarios da COVID-19.

Despois de moitos meses de esforzo colectivo e dunha vacina que permite recuperar un pouco a normalidade, os lucenses seguen a pedir desexos e marcar propósitos de cara ao novo ano.

Entre os propósitos persoais máis repetidos están o de comer de maneira máis saudable, facer deporte, aforrar, mercar un coche novo e estar coa familia. Sendo, este último, o máis desexado por todos co fin de recuperar o tempo perdido durante este período. A maioría dos lucenses coinciden en que a pandemia e os meses posteriores serviron para aprender a valorar o realmente importante ademais de coñecerse a un mesmo.

En canto a cidade de Lugo, durante este ano víronse multitude de progresos e reformas que teñen como obxectivo facilitar a vida dos lucenses. Entre os cambios máis recentes pódense destacar a mellora no alumeado da contorna da Avenida das Américas, o carril bici da cidade, o acondicionamento de estradas provinciais, o aumento de autobuses urbanos, etc. Malia que para os lucenses isto non é suficiente xa que teñen outros moitos desexos para a mellora da cidade de cara ao 2022.

Os propósitos dos lucenses para a cidade de Lugo

Edgar, estudante de maxisterio sinala que para el sería de gran agrado que o vindeiro ano se acondicionara o pavimento das Casas Vellas na zona das Gándaras considerando a situación actual como un risco para a seguridade dos cidadáns. Ademais, tamén apunta que sería interesante poñer puntos de luz entre a Avenida Infanta Elena e o Centro Comercial As Termas. “Ir camiñando en situacións de escuridade poden ser realmente perigosas para os viandantes”.

María e Patricia dúas veciñas da cidade piden un aumento en canto a infraestruturas, xa que María ve necesario un incremento no número de instalacións deportivas na cidade. Son moitos os deportes que se practican compartindo instalacións. Por outra banda, Patricia solicita maior número de parques para cans ou que se acondicionen os existentes xa que na actualidade a cidade conta con catro canils distribuídos por distintas zonas e tan só dous manteñen unhas condicións óptimas e seguras para os animais.

Esperanza, veciña da zona da Cheda en recorda a cidade con máis número de papeleiras e destaca que a medida que pasa o tempo este tipo de contedores van desaparecendo fomentando que o chan das rúas sexa un vertedoiro de lixo. Polo que lle pide ao 2022 que recupere este tipo de utensilios que facilitan o mantemento da cidade.

Teresa, veciña da zona das Gándaras desexa que o novo ano devolva as antigas rutas dos autobuses urbanos, xa que coas novas liñas a conexión entre esta zona de Lugo e o centro da cidade é case imposible de realizar. Lamenta a xestión por parte do Goberno Local sentíndose abandonada polo transporte público.

Eva, residente da Avenida Marqués de Ombreiro desexa máis zona de aparcadoiro ao reducirse coa chegada do carril bici e ademais pide ao novo ano que non se execute a planta de biomasa que está planificada para a zona da Residencia.

Son moitos os lucenses que á pregunta “que lle pides ao 2022 para a cidade de Lugo” contestaron que é preciso unha mellora nas conexións entre as demais cidades galegas tanto en autobús, como en tren, coma en estradas. Actualmente Lugo segue sen contar cunha autovía que facilite a chegada á capital de Galicia.

Un dos sectores máis castigados durante estes últimos meses foi o da hostalaría que expón que este período de tempo supuxo un antes e un despois na súa maneira de facer negocio e rendibilizar os seus esforzos.
Para esta campaña de Nadal os hostaleiros lucenses volven a verlle a cara ás restricións coa última aprobación das medidas de seguridade. Neste momento é preciso ensinar o Certificado COVID para poder acceder ao interior do bar, cafetería ou restaurante. Este certificado pode ser o de vacinación ou tamén será válido o documento que acredite unha proba diagnóstica negativa nas últimas 72 ou 48 horas dependendo do tipo de análise. Nas terrazas non será necesario acreditar ningún destes certificados e os nenos menores de 12 anos terán acceso libre sen o mesmo.
Ademais, dende fai unha semana, entrou en vigor unha nova limitación de grupos nos locais cun máximo de oito persoas en interior e quince en exterior.

Este tipo de medidas afecta ao número de reservas de comidas e ceas de Nadal xa que son moitas as empresas que cancelan a súa reserva tras a aprobación destas limitacións. Ademais, moitas das familias que nos anos anteriores aproveitaban para pasar estes días de celebración xuntos sen preocuparse pola comida, casa etc. Optaban por reunirse nun restaurante. Na actualidade estas xuntanzas lévanse a cabo nunha casa propia sorteando deste xeito as regras. Os locais hostaleiros de Lugo seguen a demostrar a súa capacidade de resiliencia e abriron paso a novas alternativas de negocio facendo comidas por encarga tanto a domicilio como para recoller. Intentando seguir co seu modelo de negocio, adaptado a esta nova normalidade.

O propósito para a cidade de Lugo por parte dos hostaleiros é o de volver dunha vez á normalidade, podendo celebrar coma antes, xuntarse con amigos e familia sen importar o número de comensais e poder recuperar o seu ritmo de traballo.

En canto aos comercios que enchen as rúas da cidade, esta época é unha das máis frutíferas do ano. Son moitos os veciños que nos últimos tempos tomaron conciencia da importancia do comercio local e aproveitan para realizar as compras nos negocios de proximidade. Esta concienciación ven en parte da realización de campañas por parte das Administracións Públicas coma a Deputación Provincial e a Federación de Comerciantes de Lugo que veñen de expoñer a súa nova campaña “de Lugo Lugo” co que se busca dar un valor maior a aqueles produtos autóctonos da zona.

A campaña de Nadal deste ano prantéxase con moito optimismo xa que é a época principal de venta do comercio. Sin embargo, as últimas semanas co Venres negro descompón un pouco a campaña porque os lucenses xa fixeron comprar de cara ao Nadal. Se comparamos a situación actual dos comercios lucenses coa do ano pasado, estase a ver unha clara mellora debido a que fai un ano a metade do tempo, os locais permaneceron pechados, con restricións e medo.
Este sector espera a recuperación dos niveis de compra dos anos anteriores malia que os veciños lucenses están a vivir con medo esta nova etapa de subida de impostos, tanto da enerxía coma o petróleo que afectan aos petos dos cidadáns que prefiren gastar menos cartos durante estas datas polo que poida vir.

De cara ao 2022 A Federación Comercio Lugo está a traballar en diferentes campañas que axuden á fidelidade das compras no comercio de proximidade, premiando aos clientes e recordando aos compradores que o negocio local ten unha función social, onde hai movemento hai comercio, hai vida e hai luz. Este é un dos propósitos para o 2022 e no que intentan traballar todos os días. É importante resaltar este punto tras a chegada do comercio online un gran rival que é difícil de superar e máis tendo en conta o receo e escepticismo dos compradores en gastar os cartos debido ao futuro que non se presenta adulador.

Os portavoces municipais da cidade tamén quixeron deixar a súa pegada e o seu propósito para a cidade en canto ao 2022.

Lara Méndez Grupo Municipal PSdeG “O meu desexo para este 2022 é que poidamos, por fin, superar a pandemia, deixando atrás toda a preocupación, a incerteza e a dor que supuxo para moitas familias ver enfermar e mesmo perder aos seus seres queridos. Desexo que o novo ano que entra sexa sinónimo de recuperación, porque o meu propósito e tamén o meu compromiso cos e coas lucenses é o de traballar, incansablemente, para saír reforzados desta crise sanitaria. Dende o Concello xa puxemos en marcha as ferramentas que nos permitirán avanzar cara un futuro prometedor, unha estratexia municipal de dinamización económica ao abeiro da que a veciñanza poderá atopar novas oportunidades laborais, impulsando ao tempo e sempre dende a sostibilidade, que a cidade, os espazos urbanos sexan a continuidade das nosas casas. Felices Festas e bo Nadal”.

Rubén Arroxo Grupo Municipal BNG “En primeiro lugar desexo que en Lugo, e a nivel mundial, gocemos dunha saúde que permita unha vida axeitada ao século XXI. Precisamos dunha sanidade pública, e universal, que permita atender á poboación que o precise nos momentos máis difíciles, cun persoal sanitario formado e xustamente remunerado que poida desempeñar as súas funcións coa debida estabilidade laboral. Apostamos por un Lugo no que as persoas sexan o centro das políticas a respecto da mobilidade. A peonalización e as novas formas de transporte deben xogar un papel fundamental xunto co trasporte público polo que apostamos decididamente. O comercio de proximidade e os produtos máis achegados deben de ser o motor dun cambio social en canto ás novas formas de consumo. Facer do centro da cidade e do comercio tradicional un xeito de vida para a veciñanza de Lugo. Unha proposta cultural continua e diversa é un dos obxectivos para o futuro. Este 2022 será o ano da recuperación dos hortos escolares, da posta en marcha de itinerarios escolares seguros e continuaremos dotando dunha maior seguridade e dun tráfico máis calmado nos entornos escolares da cidade”.

Ramón Carballo do Grupo Municipal PP Lugo “Ogallá que no vindeiro 2022 demos os pasos necesarios para recuperar a normalidade, de antes da pandemia, nas nosas vidas. A nivel municipal é preciso que o bigoberno de Lugo abandone a política do rodillo e colla a man tendida do Partido Popular en temas tan importantes como a política fiscal ou os orzamentos. Tamén nos gustaría que non pasase outro ano máis sen abrir o novo Auditorio de Magoi , sen tirar as Torres do Garañón ou sen quedar descolgados da Alta Velocidade”.

Olga Louzao do Grupo Municipal Ciudadanos “Esperamos que o 2022 sexa o ano no que, por fin, poidamos recuperar a tan ansiada normalidade. Unha normalidade que supoña a recuperación económica e social tan necesaria. E por iso, espero que xa un ano de oportunidades para todos os lucense, sobre todo, para os máis novos, que esperan iniciar a súa vida laboral. E, sobre todo, que todos nos sintamos moi orgullosos da marabillosa cidade que temos e que a coidemos, a respectemos e gocemos de cada un dos seus recunchos. E que, por suposto, este Concello siga poñendo en valor o noso patrimonio e que, por fin, poidamos abrir as portas do auditorio”.

Ademais das xuntanzas cos familiares, na zona de Lugo existen máis tradicións propias desta data.

O Apalpador é unha das tradicións do Nadal que máis salienta na zona dos Ancares e Courel, un home ancián, peli-vermello e carboeiro que cada Noiteboa ou na noite de Fin de Ano dependendo da rexión, visita aos rapaces e rapazas mentres dormen e lles palpa a barriga. Este xesto sirvelle para ver si están ben alimentados. Despois, deixa un montón de castañas como agasallo e ao día seguinte os nenos e nenas saben que o Apalpador os visitou.

Cantar Panxoliñas: En moitas vilas galegas, os novos agrupábanse para visitar as casas dos seus veciños cantando panxoliñas a cambio dun aguinaldo. O habitual era facelo en Noiteboa, Nadal, fin de ano e Reis. Esta tradición galega remóntase ao século XV.

O tizón de Nadal outra costume galega arraigada en zonas de Lugo. Durante a Noiteboa deixase arde por completo un tronco e, a continuación, ponse o tizón do Nadal, que é un novo tronco de gran tamaño que só se queima ata a metade. A metade do tronco que queda sen queimar gárdase durante todo o ano como amuleto. Tan só se queimará para protexer a casa cando un mal ou tormenta ameace. As cinzas resultantes do medio tronco queimado tamén se gardan, co fin de empregala para curar doenzas e como fertilizante.