Skip to main content
Lugo

Ars Combinatoria ofrecerá hoxe o concerto ‘Cantigas de Santa María’ no Centrad

Por 3 Decembro, 2021Sin comentarios

Hoxe venres, 3 de decembro, Ars combinatoria realizará un concerto ás 20.00 horas no Centrad co fin de interpretar en directo o legado musical de Afonso X. O concerto noméase “cantigas de Santa María”, co que o grupo pretende contribuír a celebrar os 800 anos do nacemento de Afonso X o Sabio.

O programa está formado por cantigas alternadas con danzas instrumentais italianas e francesas do século XIV, con dezaseis músicos e sete voces sobre os escenario, tocando instrumentos como o laúd, o salterio, as fídulas, percusión e zanfona.

Estas cantigas chegan a nós en catro códices, estando dous deles no Escorial, o terceiro na Biblioteca Nacional de Madrid e o cuarto na Biblioteca Nacional de Florencia. Son en total catrocentas trece Cantigas escritas en lingua galaico-portuguesa que narran en verso miragres ou cantos á Virxe.

Ars Combinatoria nace no ano 1991 con polifonía renacentista e música medieval, con instrumentos construídos polos luthiers Germán Arias e Antonio Franco, algúns dos cales se poderán escoitar e ver neste concerto.

Actividade paralela á mostra “Afonso X e Galicia”
Esta actividade musical é paralela á mostra “Afonso X e Galicia”, do Consello da Cultura Galega, que pode visitarse ata o 17 de abril na Capela de Santa María.

A exposición, comisariada polo músico medievalista Antoni Rossell, amosa o legado do monarca e a súa conexión con Galicia, descubrindo unha faceta pouco coñecida da súa figura e convidando a coñecer a súa influencia a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais, en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval.