Skip to main content
Lugo

O Presidente da Deputación participou na entrega de premios ‘Milagrosistas do ano’

Por 4 Decembro, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este venres na gala de entrega dos Premios Milagrosistas do Ano que acolleu o auditorio lucense Gustavo Freire. Unha cita que distinguiu a 19 persoas neste evento que se recuperou logo dun ano sen celebrarse por mor da pandemia.

José Tomé foi o encargado de entregarlle a distinción a cinco dos galardoados. Felicitou á asociación de veciños, comerciantes e industriais da Milagrosa, polo seu trinta aniversario e por promover esta gala, que xa é “todo un referente na provincia e que xa botabamos de menos, polo mesmo feito de reunirnos, de xuntarnos, e compartir bos momentos, pero tamén porque este encontro contribúe a facer comunidade e a facer provincia”. Tivo palabras de agradecemento e recoñecemento para o colectivo “por continuar con estes premios e polo traballo que desenvolve ó longo de todo o ano en favor dun barrio, que é exemplo de actividade social e económica, de integración e de concordia”.

“Todos os premiados e premiadas contan con perfís e traxectorias moi diferentes, pero todos eles teñen un denominador común: o seu compromiso co barrio da Milagrosa e coa provincia de Lugo”, manifestou. “Hoxe recoñécese a persoas do mundo da cultura e da creación artística, do mundo da empresa, e a representantes das institucións, das administracións e das Forzas e Corpos de Seguridade, un reflexo de dinamismo e de valía que nos fan sentir orgullosos como provincia”, concretou.

O mandatario provincial fixo fincapé en que “estes premios poñen en valor o traballo feito, pero supoñen tamén unha aposta polo futuro, porque recoñecer o talento lucense é recoñecer a mellor ferramenta que temos para saír de situacións tan adversas como a que vivimos, que é a nosa xente, os nosos veciños e veciñas”.

Os premiados
A asociación entregou premios a José Ramón Rey Lombao, Víctor Fraga Gayoso, Grupo Sargadelos, Corina Porro, Óscar Poy, Grupo San Froilán, Martín Varela, Patricia Otero, Benedicta Sánchez, Isabel Álvarez Méndez, César Mogo, José Luis Piñeiro Santos, Javier Soto Garrido, Diego As, María Isabel Villamor Cabado, Paula Alvarellos e Antonio Fontenla.