Skip to main content
Lugo

Continúa a campaña ‘Lugo quere tren’ do BNG coa recollida de firmas de onte

Por 5 Decembro, 2021Decembro 6th, 2021Sin comentarios

O BNG colocou a mañá de onte un posto para recoller sinaturas dentro da campaña Lugo quere tren, iniciada pola organización nacionalista que busca, segundo explicou o responsáble local, Felipe Rivas “poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios para as veciñas e veciños de Lugo”.

O BNG pediu  na contorna da Praza de Abastos, o apoio da veciñanza para reclamar a modernización da vía Lugo – Coruña, a conexión con Compostela e a recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos.

“Lugo é a única cidade de Galicia que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros de vía para conectar as paradas de Curtis e Ordes creando unha traxecto directo desde Lugo a Compostela”, afirmou Felipe Rivas.

O BNG iniciou a campaña Lugo quere tren! o pasado sábado 27 de novembro, cunha concentración á que asistiu o deputado nacionalista no congreso do estado, Néstor Rego.

Felipe Rivas explicou que “Galicia sofre unha evidente e histórica discriminación en canto a investimentos por parte dos distintos gobernos do Estado”, e engadiu “isto tradúcese nun déficit en infraestruturas, equipamentos e servizos, que se fan especialmente importantes no transporte ferroviario”.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Felipe Rivas afirmou que “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.