Skip to main content
Lugo

Lugo retoma a conmemoración do aniversario da Constitución logo do paréntese do 2020

Por 7 Decembro, 2021Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, manifestou onte, con motivo da celebración do 43 Aniversario da Constitución, que a Carta Magna é o “andamio que nos permitiu construír o edificio da democracia española” e pediulle aos lucenses que “defendan unha sociedade na que todas as persoas teñan cabida”.

A Subdelegación do Goberno retomou onte a conmemoración do aniversario da Constitución, logo do paréntese de 2020 debido á pandemia, con un acto moito menos numeroso do acostumado, no que estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, José Tomé; o delegado territorial da Xunta, Javier Arias, e representantes da Administración Xeral do Estado na provincia. Ademais, contouse coa presenza de catro nenas, familiares de traballadores da Subdelegación que deron lectura ao Título Preliminar da Constitución.

No seu discurso, a subdelegada do Goberno agradeceulles ás nenas Nuria, Xiana, Paula e Natalia que renunciaran ao descanso nunha maña festiva para colaborar no acto. “Quixemos contar coa súa axuda porque elas serán protagonistas do futuro e coa súa presenza damos simbolismo a esta celebración, breve e modesta, coa que festexamos a Constitución.

Rodríguez explicou que “esta conmemoración está moi lonxe dos actos sociais que sempre acolleu a Subdelegación do Goberno para celebrar con todos os lucenses o Aniversario da Carta Magna, pero consideramos que este ano era prudente priorizar a seguridade e a saúde sobre a vistosidade do acto”.

“A nosa Carta Magna, que xa cumpre 43 anos, é froito dun gran pacto social firmado para garantir a xustiza, a liberdade e a seguridade”, destacou Isabel Rodríguez.

Remarcou que se trata do “instrumento do que nos dotamos para consolidar en España o Estado de Dereito, para dar protección a todos os cidadáns e asegurar a dignidade das persoas, garantindo a igualdade e que non poidan producirse discriminacións de ningún tipo por motivos de nacemento, raza, sexo, relixión ou opinión”.

A subdelegada afirmou que “grazas á Constitución, e á xenerosidade dos seus redactores, puidemos poñer en pé un dos máis longos períodos de convivencia democrática en España. Por iso, o aniversario do gran texto legal no que se fundamenta a nosa democracia merece ser celebrado”.

Fixo referencia tamén á pandemia ao subliñar que “neste tempo fomos quen de traballar xuntos para salvar obstáculos como a grave crise sanitaria contra a que levamos loitando case dous anos, e na que os servizos e os traballadores públicos demostraron que son imprescindibles para a sociedade”. Rodríguez reiterou a súa gratitude a todos os empregados da Administración do Estado e do resto de administracións públicas polo esforzo realizado na provincia.

Para rematar a súa intervención, a subdelegada animou a todos os cidadáns da provincia “a proseguir na defensa dunha sociedade na que todas as persoas teñan cabida, na que as mulleres e os homes teñan as mesmas oportunidades e dereitos, a que as mozas e os mozos poidan estudar e traballar, e na que as nenas e os nenos poidan xogar e soñar. En definitiva, unha sociedade que renova a súa aposta polo diálogo, a convivencia e a felicidade das persoas”.