Skip to main content
Lugo

O programa Aulas Abertas oferta 120 prazas para a conciliación familiar en Nadal en Lugo

Por 10 Decembro, 2021Sin comentarios

A área de Benestar Social do Concello de Lugo ofrecerá durante este Nadal 120 prazas para favorecer a conciliación familiar durante estas datas.

As familias interesadas en acollerse á programación das Aulas Abertas poderán presentar a súa solicitude entre o 13 e o 15 de decembro, ben de xeito presencial (entre as 09:00 e as 13:00 horas no centros de convivencia Uxío Novoneyra e Lamas de Prado) ou a través do enderezo electrónico aulasabertas@lugo.gal para o que poden descargar as instancias correspondentes, a partir do mesmo luns, na páxina web do Concello de Lugo: www.concellodelugo.gal, dentro do apartado Animación Sociocultural (http://concellodelugo.gal/gl/actuacions/programa-gl-animacion-sociocultural).

As actividades están dirixidas a nenos de entre 3 e 12 anos de idade e terán lugar nos Centros Cívicos Uxío Novoneyra, Maruja Mallo e Lamas de Prado en dúas quendas. A primeira enmarcada no mes de decembro (do día 27 ao 30), e a segunda para o 3, 4 e 5 de xaneiro.

As accións se desenvolverán en pequenos grupos, cun máximo de 20 prazas en cada un, co obxectivo de garantir a seguridade das nenas e nenos participantes e de acordo cos protocolos e recomendacións sanitarias en vigor. Con este programa búscase facilitar que as familias poidan compatibilizar as súas obrigas laborais cos períodos non lectivos dos seus fillos e fillas, propoñendo unha alternativa lúdica e de ocio para a rapazada coa que poderán ocupar o seu tempo libre e desfrutar del, socializar e aprender en espazos seguros.

As prazas serán adxudicadas por rigorosa orde de inscrición e o listado de persoas admitidas publicarase o día 17 de decembro. A matrícula deberá formalizarse entre os días 20 e 21 de decembro, cubrindo o formulario modelo 603 de pago de taxas efectuando o abono da mesma e entregando o xustificante no centro de convivencia correspondente.