Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo impulsa a reciclaxe do vidro na hostalería

Por 14 Decembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo pon en marcha este mes de decembro unha campaña para impulsar a reciclaxe de envases de vidro no sector hostaleiro do municipio. Así anunciou hoxe a Alcaldesa, Lara Méndez, quen presentou a iniciativa acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e Germán Fernández, xerente de Ecovidrio, entidade sen ánimo de lucro que colabora nesta iniciativa e que é a encargada da xestión da reciclaxe destes residuos en España.

Méndez sostivo que “un dos grandes retos que temos como cidade é incentivar una sociedade máis sostible, e unha folla de ruta clara, e nesta clave está incluída a campaña xa que o sector que xera máis do 52% do vidro é o hostaleiro”.

A rexedora avanzou que esta campaña, nunha primeira fase, “comezará hoxe mesmo coa realización de enquisas e entrevistas a todos os establecementos de hostalería para coñecer de primeira man cales son as súas necesidades e poder adecuar os recursos existentes”. Ademais, ofrecerase información detallada aos locais de como reciclar correctamente e das vantaxes sociais, económicas e ambientais que ten a reciclaxe de envases de vidro, algo que a rexedora lle trasladou xa aos representantes do sector.

Nunha segunda fase, e para facilitar a reciclaxe de vidro no canal Horeca (Hostalería, Restauración e Catering), actuarase sobre a contenerización existente e estudiarase a instalación de iglús especiais dotados cunha boca máis ancha para un baleirado máis rápido e mesmo, algúns deles incluirán un sistema de elevación hidráulico que permiten a reciclaxe de grandes cantidades de vidro como as xeradas polos hostaleiros. Tamén se entregarán cubos adaptados con rodas para facilitar o transporte dos residuos de vidro aos colectores.

Para levar adiante esta iniciativa, porase en marcha un traballo de campo con visitas persoais aos hostaleiros para reforzar o coñecemento da lexislación en vigor para o sector dos grandes xeradores en materia de reciclaxe de envases de vidro.

Unha árbore de Nadal de miniglús

Así mesmo, a alcaldesa e o xerente de Ecovidrio anunciaron una segunda campaña dirixida a toda a cidadanía lucense, onde o nivel de reciclaxe está nos 11,3 kg/hab/ano, unha cifra lixeramente por debaixo da media provincial e galega.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, destacou que no ano 2020, recolléronse 1.119.000 quilos de vidro, dos que 1.060.000 foron a través dos colectores, e 58.400 porta a porta, mentres que esta cifra nos dez primeiros meses de 2021 ascendeu 955.000 quilos, 900.000 nos colectores.

Segundo avanzou Germán Fernández, a través desta nova campaña porase en marcha unha acción de sensibilización para concienciar sobre a importancia da reciclaxe de vidro durante as celebracións de Nadal, nas que se xera até o 20% de todos os residuos de envases do ano.

Para iso, Ecovidrio instalará diante da Praza de Abastos unha árbore do Nadal de 4 metros de altura formado por 75 miniglús que se inaugurará o vindeiro martes día 21 de decembro. Eses miniglús repartiranse entre a veciñanza, así como sementes de petunia, entre as 11.00 horas e as 19.00 horas.

Ademais, haberá unha caseta informativa no que educadores ambientais informarán os cidadáns sobre como separar correctamente os seus envases de vidro e os beneficios ambientais da reciclaxe de envases de vidro.

Beneficios ambientais da reciclaxe de vidro

O vidro que se deposita nos colectores recíclase ao 100% e utilízase para a fabricación de novos envases, de forma indefinida e sen perder as propiedades orixinais. Reciclando vidro evitamos o crecemento dos vertedoiros.

Reciclar vidro é un elemento crave na loita contra o cambio climático. Ao usar calcín-vidro reciclado na fabricación de novos envases evítase a extracción de materias primas da natureza, evitando a erosión dos chans e a deforestación da nosa contorna.

Minimízase tamén a emisión de CO2 no proceso de fabricación e afórrase enerxía.