Skip to main content
Lugo

Os mozos lucenses desfrutan da proxección de Amnesia 3.0 obra da lucense Irene Pin

Por 17 Decembro, 2021Sin comentarios

O alumnado do bacharelato de artes do IES San Xillao de Lugo participou este xoves nunha sesión sobre ficción dixital, na que se proxectou a serie “Amnesia 3.0”, a primeira en galego no seu xénero, escrita e dirixida pola lucense Irene Pin. A autora compartiu co estudantado a súa experiencia no proceso creativo e na produción da serie, finalista do Premio Mestre Mateo á Mellor Serie Web.

No día de hoxe esta actividade repetirase na Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón e no IES Monte Castelo de Burela, co obxectivo de achegar contidos audiovisuais en galego á mocidade e visibilizar a obra de novas creadoras.

Irene Pin
Irene Pin, nada en 1995 en Lugo, é unha directora, realizadora, poeta, música e investigadora galega. Estudou Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago de Compostela e especializouse en estudos da literatura e da cultura. Os seus traballos audiovisuais enmárcanse no ámbito do cinema experimental, da videocreación e do documental, enfocados desde unha perspectiva ecofeminista. Como poeta ten colaborado na revista Grial e como música é a baixista do grupo Poesía Canalla.

Sinopse Amnesia 3.0
265- C levántase cada mañá para seguir o plan de actividades que marca a súa axenda, como calquera de nós. Só que ela non lembra o día anterior. Un software implantado no cerebro humano borra a memoria a curto prazo cada noite, así as persoas poden desenvolver as súas funcións dentro do sistema na engrenaxe perfecta, sen pensar nin preguntarse.

Con todo, hai quen sobrevive nas marxes. Son excluídos, habitantes das Estremas. Nómades ancorados á tradición que foxen dese control e atesouran os vestixios dun pasado sepulto. Fiz e Lea farán estalar a normalidade ao entrar na vida de 265- C, tratando mediante unha tecnoloxía arcaica de reverter o seu bloqueo e facerlle lembrar. Ao mesmo tempo, as súas accións son perseguidas por un anónimo inspector do Departamento de Seguridade Global.