Skip to main content
Lugo

Os veciños de Lugo poderán realizar 9 procedementos urbanísticos na sede electrónica do Concello

Por 20 Decembro, 2021Sin comentarios

A sede electrónica do Concello de Lugo permitirá ás e aos particulares e promotores cursar, directamente, coa área de Urbanismo a tramitación de nove procedementos que se xestionan dende este Servizo Municipal.

As persoas interesadas en tramitar licenzas urbanísticas (nas diferentes modalidades), de primeira ocupación, comunicacións previas de obras para actividade, comunicacións de inicio e de modificación de actividade, e autorizacións de intervención en redes de servizos municipais poderán crear unha entrada directa en Urbanismo, sen necesidade de pasar pola sede xenérica. Isto posibilita sintetizar tres pasos nun xa que non será preciso ter que acceder ao Rexistro Xeral para realizar unha asignación inicial do documento senón que a súa delegación ao técnico competente será inmediata. Isto supón unha maior fluidez e capacidade de racionalizar a xestión administrativa.

Méndez afirmou que , “ademais de constituírse como o marco normativo de referencia para Administración e administrados en materia urbanística, fomenta e impulsa a participación cidadá, minorando a burocracia e alcanzando unha comunicación máis directa, concreta e dilixente cos colectivos profesionais, os promotores das actuacións e coa veciñanza en xeral”.

Neste senso, a rexedora anunciou que, pola súa banda, o portal web municipal contará, así mesmo, cun espazo específico de consulta pública dos criterios unificados polo Servizo sobre interpretación da normativa en vigor, “tan complexa que, ás veces, non resulta doado para a/o interesado ter a certeza de que está facendo unha lectura da mesma correcta e coincidente co parecer técnico da Administración”.

Pola súa banda, a tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, abondou que “esta sección será unha sorte de preguntas frecuentes que, aínda que sen carácter vinculante, achegará información para que a cidadanía poida fundamentar correctamente as súas solicitudes. Nela terán cabida aquelas consultas que se realicen vía telefónica e que poidan resultar de aplicación noutros supostos similares e para xeral coñecemento”.

Así, como exemplo dos contidos que se difundirán neste soporte figuran as consideracións para a modificación de fachadas segundo o grado de protección en núcleos rurais, a implantación de elementos de eficiencia enerxética en determinado tipo de inmobles, a extensión do previsto no artigo 139 do Plan Xeral para os inmobles catalogados, as esixencias para autorizacións en chan rústico de especial protección da documentación prevista no artigo 56 que recolle a Lei de Solo.