Skip to main content
Lugo

Rubén Arroxo viaxou dende Lugo ata Coruña en tren para amosar a duración real do traxecto

Por 20 Decembro, 2021Sin comentarios

O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado por cargos do BNG da comarca, realizaron unha viaxe en ferrocarril desde Lugo á Coruña para amosar o tempo que require este traxecto. Á saída, Rubén Arroxo afirmou que “unir Galiza con Madrid está moi ben, pero a verdadeira necesidade das galegas e galegos é unir as cidades e vilas de Galiza, sobre todo as de interior, porque as persoas viaxan maioritariamente, entre Lugo, Santiago e Ourense, cidades que non contan cunha conexión de calidade”.

As e os integrantes do BNG subiron ao primeiro tren que une as cidades de Lugo e a Coruña, que ás 8:25 e cuxa duración prevista era dunha hora e 47 minutos. O ferrocarril estivo parado máis de 30 minutos na estación de Curtis, debido a unha incidencia producida por un tren de mercadorías que realizaba o traxecto contrario, o que fixo que o percorrido dende Curtis ata a Coruña se tivese que realizar en autobús. “Este tipo de incidencias son habituais na conexión de Lugo á Coruña”, afirmou Rubén Arroxo, que engadiu “debido a que non contamos con dupla vía, un gran número de frecuencias sofren atrasos, o que unido á falta de frecuencias fai que moitas persoas non opten polo tren como medio de transporte”.

O bus chegou á estación da Coruña ás 11:02, con 50 minutos de atraso sobre a hora prevista, e elevando o tempo total da viaxe a 2:35 horas. “A viaxe de Lugo á Coruña en tren dura practicamente o mesmo que a conexión de Ourense e Madrid”, afirmou Arroxo á chegada á Coruña, onde afirmou que “na Galicia precisamos dun servizo de cercanías ferroviarias que conecten as cidades e vilas galegas coa mesma calidade que no resto do estado”.

O BNG reclama implantar este servizo en Lugo a través de frecuencias, horarios e prezos adecuados co obxectivo de resolver a mobilidade habitual por medio dun transporte público eficaz e sustentábel como o ferroviario. Ademais, o BNG defende a conexión directa de Lugo e Compostela en ferrocarril, “unha cuestión que se podería resolver con 27Km de vía, conectando Curtis e Ordes e creando un traxecto directo entre Lugo e a capital de Galicia”, explicou Arroxo.