Skip to main content
Lugo

A Escola de Piraguismo sufrirá unha reforma para mellorar as instalacións

Por 22 Decembro, 2021Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo prepara a reforma da Escola de Piraguismo, un centro de formación e adestramento a disposición dos clubs e deportistas desta modalidade situado a carón do río Miño, na avenida Marqués de Ombreiro, xunto a área recreativa de “Los Robles”.

O deputado de Deportes Efrén Castro deu conta do proxecto de execución, que contempla a reforma integral dos vestiarios situados na primeira planta do edificio e o acondicionamento da entrada ás instalacións para facelas máis funcionais e accesibles.

Os vestiarios ampliaranse aproveitando outros espazos en desuso na planta baixa do edificio e renovaranse por completo, habilitándose unha zona de vestiario e outra de duchas abertas, así como aseos e duchas adaptadas. Ademais, renovarase o sistema de auga quente cunha anova instalación de enerxía solar termica e a renovacion da fontanería e cara a lograr que a temperatura, caudal e presión do subministro sexa o adecuado. Tamén se instalarán emisores eléctricos para calefacción.

No exterior, a actuación centrarase na ampliación da beirarrúa que bordea o edificio, que pasará de para facilitar o tránsito por ela e na creación dunha rampa de acceso á porta principal.

A zona dedicada a hangares, onde se gardan e reparan as piraguas, tamén se reformará eliminando a división existente e creando un espazo único, comunicado directamente coa zona de embarcadoiro.

O deputado de Deportes explicou que se trata “dunha reforma ambiciosa coa que tratamos de solventar as deficiencias que se viñan detectando nas instalacións para mellorar a calidade do servizo que se presta ás persoas usuarias, tanto palistas dos clubs da provincia que se preparan para a actividade competitiva as que reciben cursos de iniciacións nas diferentes disciplinas e modalidades do piraguismo”.

Efrén Castro destacou que “a reforma suporá unha modernización das instalacións, que repercutirá directamente na comodidade e na seguridade das e dos deportistas, e acometerá, de forma definitiva, as adaptacións necesarias para garantir a accesibilidade ao centro de todas as persoas”.

O responsábel de Deportes lembrou que “desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo entendemos que a dispoñibilidade de instalacións é unha condición necesaria para fomentar a práctica do deporte e acompañar a labor que se fai desde os clubs, neste caso nunha disciplina como o piragüismo que ten unhas necesidades específicas para o almacenamento e mantemento dos materiais”

O investimento previsto para a execución das obras é duns 200.000 euros, segundo se estima no proxecto de execución, realizado por Servizo de Arquitectura da Deputación de Lugo.

Máis de 16.000 servizos no que vai de ano
As instalacións da Escola de Piragüismo de Lugo, titularidade da Deputación de Lugo e xestionadas pola Federación Galega de Piraguismo, están a disposición de deportistas e clubs de piraguismo de toda a provincia. Trátase dunhas instalacións enfocadas á promoción e difusión do piragüismo, a través do apoio ao adestramento dos clubs e de cursos de iniciación nas diferentes disciplinas e modalidades deste deporte.

No que vai de ano, rexistráronse máis de 16.000 solicitudes para o uso das instalacións, unha cifra que ven medrando de forma sostida desde o 2018, con 13.370 solicitudes.