Skip to main content
Lugo

Jamil Kaouaji, Ariadna López e Ángela Mon gañadores do XXVII Maratón Fotográfico do Campus

Por 23 Decembro, 2021Sin comentarios

O Maratón Fotográfico do Campus de Lugo rende a súa particular homenaxe póstuma a Carlos Valcárcel, un dos grandes valedores deste certame artístico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural, cuxos organizadores aproveitaron o acto de entrega de premios e a apertura da mostra dunha escolma das imaxes presentadas a concurso na Biblioteca Provincial de Lugo para facer unha emotiva semblanza do fotógrafo lugués recentemente finado.

A proxección dalgunhas das imaxes máis senlleiras captadas a través do obxectivo por Carlos Valcárcel, acompañada de explicacións técnicas e artísticas que permiten definir ou, cando menos, aproximarse á obra fotográfica de Valcárcel, serviu de preludio do acto de entrega de galardóns ás persoas gañadoras dos tres premios que cada ano reparte o Maratón Fotográfico do Campus de Lugo aos autores das tres mellores imaxes.

O xurado formado por Jesús Varela Zapata, Tareixa Ferreiro, Eduardo Rodríguez Ochoa e María Isabel Pérez Fórneas, distinguiu co Premio Carlos Valcárcel a fotografía presentada por Jamil Kaouaji Liberato, quen recibiu 350 euros en metálico, así como trofeo e diploma. O premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía ligada co tema proposto pola organización (o outono), recaeu na imaxe titulada ‘Marcho que teño que marchar’, de Ariadna López Núñez, quen recibiu 300 euros, trofeo e diploma. O premio á mellor fotografía presentada na modalidade de tema libre, dotado cunha gratificación en metálico de 250 euros, trofeo e diploma, foi para Ángela Mon Corbelle, pola fotografía ‘Querencia’.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo Montserrat Valcárcel, presidiu a cerimonia de entrega de premios e apertura da mostra conmemorativa do XXVII Maratón Fotográfico do Campus, unha exposición que permanecerá aberta na Biblioteca Provincial de Lugo ata o 27 de xaneiro de 2022. O adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Cultura, Internacionalización e Servizos, Jesús Varela Zapata, tamén participou nun acto ao que asistiron responsables políticos do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, ademais do coordinador do certame, Eduardo Rodríguez Ochoa, responsables da biblioteca e familiares de Carlos Valcárcel. Todos os asistentes recibiron como obsequio un calendario con imaxes de Carlos Valcárcel.