Skip to main content
Lugo

Da comezo a campaña ‘Localmente Lucense’ que fomenta a compra nos comercios de proximidade

Por 24 Decembro, 2021Sin comentarios

Na xornada de onte arrincou a campaña informativa do proxecto de dinamización económica ‘Localmente Lucense’ lanzado polo Concello, que, cun investimento dun millón de euros, busca fortalecer e incentivar a compra nos comercios e na hostalaría de proximidade.

“Con esta iniciativa queremos encher de vida os nosos barrios a través do movemento #LocalmenteLucense’, que abandeira un sentimento de orgullo e defensa do noso”, sostivo a rexedora.

Para impulsar este proxecto, a cidade foi dividida en cinco agrupacións por barrios, cada unha coa súa identidade propia. Hoxe, a iniciativa comezou a desenvolverse na zona norte (A Milagrosa, Albeiros, Avenida da Coruña, Padre Feijóo e Garabolos), tendo como principal escenario a Praza da Milagrosa pola mañá, desde onde se realizaron accións itinerantes nas que varias persoas percorreron as rúas, comercios e locais de hostalería difundindo a campaña ‘Localmente Lucense’, ao tempo que facilitaban información de interese á veciñanza co obxectivo de transmitir a súa filosofía, darlle visibilidade a acción, potenciar a imaxe, introducir o proxecto en Lugo e conseguir adhesións dos diferentes establecementos. Ademais, levouse a cabo un obradoiro de chapas e fíxose entrega de material.

A seguinte ubicación para a promoción e posicionamento da campaña terá lugar esta tarde na Avenida da Coruña, esquina con Angelo Colocci, onde se repetirán as mesmas actividades.

A iniciativa enmárcase na estratexia global de dinamización, reconstrución e reactivación da economía de Lugo posta en marcha polo Concello para paliar as consecuencias da crise provocada pola Covid-19.