Skip to main content
Lugo

A palabra Tanxugueiras formará parte da rúa Menorca de Lugo

Por 29 Decembro, 2021Sin comentarios

O tenente de alcalde e concelleiro de mobilidade e infraestruturas, Rubén Arroxo, anunciou que as áreas de cultura e infraestruturas continuarán coa colocación das palabras do ano no 2022. Rubén Arroxo afirmou que “continuamos esta intervención artística que puxo en valor un símbolo tan importante como a lingua galega, e convertiu a rúa Menorca nun atractivo turístico máis de Lugo”.

“Desde as áreas de cultura e infraestruturas continuamos a facer das rúas da cidade lugares amables para pasear nos que ao mesmo tempo se pode descubrir a nosa cultura”, explicou Rubén Arroxo.

“Seguiremos colocando, cada ano, a palabra que a Real Academia designe como palabra galega máis utilizada” dixo Rubén Arroxo que engadiu “o futuro da nosa lingua está vivo e as palabras de cada ano pasan a formar parte do idioma xa que sintetizan parte da realidade de cada época”.

As primeiras palabras do ano colocáronse este ano na rúa Menorca durante o mes de maio, coincidindo coas actividades do Día das Letras Galegas. Para a colocación das palabras utilizouse un material duradeiro e que permitirá unha boa e sinxela visibilidade do texto. Vai acompañando a cada verba o ano no que foi nomeada pola Real Academia, no Portal das Palabras, como palabra do ano.

PALABRA DO ANO
A escolla da palabra do ano comezou no ano 2014, a través do Portal das Palabras posto en marcha pola Real Academia Galega e a fundación Barrié. A iniciativa pretende que a veciñanza galega escolla cada decembro unha palabra en galego que defina o ano que remata, difundindo o léxico galego.

As palabras do ano escollidas até o de agora foron corrupción, refuxiados, irmandade, afouteza, deseucaliptización, sentidiño, nós e Tanxugueiras.

TANXUGUEIRAS
Trátase dunha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os lugares onde se poden atopar teixugos ou porco teixos. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o ‘teixugo’, aínda que podería vir tamén dunha suposta forma xermánica *thahsus ou do gótico *thahsuks

O trío formado por Olaia e Sabela Maneiro xunto con Aida Tarrío, participará a finais de xaneiro no Benidorm Fest, onde poden clasificarse para o festival de Eurovisión. Levan en activo desde o ano 2016, e contan con dous discos e un single publicados. Nestes anos de actividade, acumularon múltiples premios a nivel galego e internacional, entre os que se atopan o premio MIN de música independente de 2018 ao mellor álbum galego, o premio Martín Códax da Música 2019 a mellor grupo de música tradicional e folk, o certame Ari(t)mar Galiza e Portugal 2019 a mellores músicas da Galiza, o e o premio a mellor adaptación dunha peza tradicional dos XIX Premios La Opinión de Música de Raíz do 2020. Ademais, os World Music Charts Europe do 2020 incluíunas entre os 20 mellores discos de World Music. Foron tamén finalistas do premio Mestre Mateo do Audiovisual Galego do 2019 ao mellor videoclip, finalistas do Mellor Vídeo con Shooglenifty dos Scots Trad Music Awards 2019 e finalistas a mellor álbum galego dos premios MIN da Música independente de 2019. A área de Cultura do Concello de Lugo contou coas Tanxugueiras en múltiples ocasións, organizando concertos nas edicións 2019 e 2021 do San Froilán, ademais de formar parte nas programacións do Lugo Cultural.