Skip to main content
Lugo

Unha Ordenanza municipal procurará a harmonización das terrazas da hostalaría

Por 29 Decembro, 2021Sin comentarios

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou esta mañá a creación dunha nova Ordenanza Municipal (de carácter non fiscal) que regulará a homoxeneización das terrazas de hostalaría.

“Un documento no que quedará recollido o marco normativo polo que pasará a rexerse a colocación deste tipo de instalacións tanto no que ten que ver coas zonas autorizadas para ese fin, como o rango de dimensións que poden ter, e mesmo os materiais que se deben empregar co fin de acadar unha harmonización estética en toda a cidade”, explicou a rexedora.

En maio de 2020 o Concello de Lugo publicou un bando permitindo aos negocios do sector incrementar o tamaño das súas terrazas, ou habilitalas se non as tiñan. “Unha decisión de carácter temporal que sustentamos na necesidade de apoialos economicamente ao tempo que favoreciamos a recuperación dos encontros sociais, dun xeito máis seguro, ao aire libre. Porén e á vista de que imos convivir coa pandemia de xeito prolongado, quixemos adoptar novos mecanismos que, aínda favorecendo a solvencia destes establecementos, teñan en conta de maneira máis rigorosa a necesidade de compatibilizala co dereito que ten a veciñanza de empregar e gozar dos espazos públicos e de facelo sen obstáculos ou barreiras que lles condicionen o paso”, afirmou Lara Méndez.

A alcaldesa avanzou que o texto comezará a redactarse inmediatamente “co obxectivo de que entre en vigor canto antes e durante o 2022 xa sexa posible apreciar o impacto positivo que esta unificación de criterios terá sobre a imaxe da capital, diminuíndo alén os condicionantes que este permiso provisional supuxo para a mobilidade urbana”, engadiu.

A rexedora trasladou esta mañá a iniciativa aos representantes da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo cos que mantivo un encontro. “Un dos moitos e frecuentes contactos que, de xeito permanente, mantemos co sector para estar ao tanto das súas necesidades e demandas”, sostivo.

Xunto a isto, Méndez lles avanzou tamén que durante o vindeiro exercicio o Concello de Lugo lles manterá a exención da taxa por ocupación de vía pública, para o que será preciso incorporar a correspondente modificación na Ordenanza fiscal.

“Trátase de apostar pola viabilidade destes establecementos, pequenas e medianas empresas que xeran emprego na cidade, das que dependen moitas familias lucenses e para as que continúan as incertezas debido ás oscilacións que sofre a pandemia e que obrigan á imposición e retirada constante de restricións. Ante o contexto actual, de preocupación pola entrada dun novo gromo e o incremento dos contaxios manteremos esta medida, que será revisable e poderá reverterse durante o ano, en función do devir da crise sanitaria”, sinalou a alcaldesa.

Lara Méndez puxo en valor o esforzo de empresarios, autónomos e particulares na contención do virus, a súa afouteza para asumir as limitacións que vai impoñendo a COVID e, nese sentido, pediu á veciñanza que manteña o bo comportamento amosado ata agora “nun exercicio de responsabilidade individual e colectiva que, en datas tan sinaladas coma esta, debemos incluso incrementar polo ben de todas e todos. Dende a Administración local somos coñecedores do esgotamento xerado polas dificultades que estamos a atravesar e, por iso, dende o Executivo estamos a habilitar mecanismos que permitan conciliar a supervivencia e o beneficio empresarial co coidado da cidade sempre en prol do interese xeral”, concluíu a rexedora.x