Skip to main content
Negueira de Muñiz

Negueira de Muñiz acolleu o programa de recuperación da vitivinicultura nas Terras de Navia

Por 15 Decembro, 2021Sin comentarios

Esta fin de semana tivo lugar en Negueira de Muñiz unha nova sesión formativa do programa de recuperación e desenvolvemento da vitivinicultura, que a área de Medio Rural da Deputación de Lugo está a desenvolver no territorio da futura indicación xeográfica protexida Terras do Navia da man da Asociación Galega de Viticultura (AGV).

As persoas participantes tiveron ocasión de achegarse ao coñecemento do Prego de Condicións que rexerá a elaboración dos viños que queiran certificarse co selo de calidade da IXP Terras do Navia. Hai que sinalar que o expediente de solicitude de aprobación do rexistro da figura de calidade dunha IXP pola Comisión Europea (para os terreos aptos para a produción de uva dos concellos de A Fonsagrada, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz), xa está a ser estudiado polos servizos técnicos da Dirección Xeral de Agricultura e Desenrolo Rural da CE.

Tamén se abordou o extenso marco legal e normativo para o desenvolvemento dunha actividade vitivinícola responsable e de calidade, dende a viña á elaboración, a través das distintas obrigas administrativas, de control e trazabilidade.

Para finalizar a xornada, as persoas viticultoras e adegueiras asistentes a esta acción formativa tiveron ocasión de participar nunha cata, comentada e guiada pola docente da actividade Maira Ratón Fernández, na que, tomando como eixe condutor os viños elaborados nas adegas do territorio (Adega Panchín e Adega Sidrón) e a súa caste máis destacada: a Branca Lexítima, achegáronse aos matices, e á riqueza, que adquiren os viños elaborados a partir da uva da mesma caste cando se introducen as variábeis específicas dun territorio: o tipo de solo, a climatoloxía, as prácticas culturais no cultivo, as distintas formas de elaboración…e outras que permiten que a partir dun nexo común os viños de cada territorio teñan a súa propia riqueza e expresividade, até o punto de ser únicos.