Skip to main content
Palas de Rei

O Concello de Palas conxelará as taxas e impostos municipais durante o 2022

Por 31 Decembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Palas de Rei, informou durante o día de onte, que conxelará os prezos da maioría das taxas e impostos municipais durante o ano 2022.

Con esta medida, preténdese rebaixar a carga impositiva sobre os veciños e veciñas e paliar, dentro das posibilidades do Concello, a suba xeneralizada de varios bens de primeira necesidade.

Esta medida fiscal, afectará fundamentalmente ó servizo de lixo, que manterá conxelada a súa taxa de recollida, manténdose entre as máis económicas da Comunidade. Tamén afectará ao imposto de tracción mecánica, onde tamén se conxelarán os prezos, un ano máis e, manteranse as bonificacións ós vehículos máis eficientes e menos contaminantes, así como, ós máis de 1.200 tractores agrícolas. Asemade, conservarase, durante o ano 2022 e 2023, a mesma taxa de terrazas e a taxa pola utilización do punto limpo.

Con estas e outras medidas de carácter fiscal, se estima que o conxunto dos veciños do municipio aforren máis de 270.000 euros.