Skip to main content
Ribeira de Piquín

O Grupo Socialista solicita a recuperación dun médico no centro de saúde de Ribeira de Piquín

Por 3 Decembro, 2021Sin comentarios

A parlamentaria socialista Patricia Otero reclamoulle hoxe ao Sergas que “traballen a reo” para “atender á petición lóxica dos veciños de Ribeira de Piquín, que piden ter un médico no Centro de Saúde tódolos días da semana”. Otero levou unha pregunta oral á Comisión de Sanidade para reclamar a presenza estable do profesional médico no dito centro que da servizo tanto a aquel concello como á parroquia de Carballido (A Fonsagrada).

Explicou que dende o mes de xuño o centro perdeu ao seu médico, unha praza que foi cuberta “varios días á semana” oscilando entre un e tres, unha situación que nas últimas semanas “parecía que melloraba ao dispor dun profesional 4 días á semana”. Sen embargo, alertou, a preocupación aumentou logo de que o Concello se puxera en contacto co Sergas, onde confirmaron que a lo menos a metade de decembro volverían quedar sen médico.

Otero cualificou de “incrible” que “xa no século XXI teñamos que traer iniciativas deste calado, pedindo xa non a mellora da asistencia sanitaria, senón que non se lles quite o único médico que ten o Centro de Saúde de Ribeira de Piquín”.

Lamentou ademais os argumentos presentados hoxe polo Sergas, primeiro apuntado á “distancia asumible” co Centro de Saúde de Meira –“iso dígallelo a un concello no que máis da metade da poboación supera os 65 anos”- e a continuación sinalando que o Centro estaba aberto igual –“si, pero sen médico”, puntualizou a responsable socialista-.

Alertou da “situación límite” da poboación que “non ten garantido un médico de luns a venres, senón a lo mellor o luns, a lo mellor o martes ou o mércores, e se teñen sorte algunha semana a praza chegou a estar cuberta catro días á semana, pero saben que houbo semanas que só tiveron médico un día”.

Esta poboación, dixo, teñen que desprazarse en caso de urxencia ao PAC de Meira, que comparten cos concellos de Meira, Pol, A Pastoriza, Ribeira de Piquín e A Pontenova, malia que conta cun único ATS e un médico de garda, que “deixan o servizo descuberto cando teñen que saír a unha urxencia”.