Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Preto de 40.000 persoas desfrutaron das rutas en catamarán pola Ribeira Sacra

Por 12 Decembro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo pechou na ponte de decembro a tempada de rutas en catamarán pola Ribeira Sacra tras nove meses de servizo continuado. Preto de 40.000 persoas empregaron este servizo turístico provincial que percorre o canón do Sil e o río Miño e amplía as ofertas de ocio e lecer ao aire libre que volveron ser opcións prioritarias no sector turístico deste ano 2021, que estivo aínda moi marcado polas condicións sanitarias da Covid-19.

As rutas fluviais en catamarán mantiveron un aforo do 50% da súa capacidade, cumprindo coas restricións sanitarias establecidas, ata o 8 de outubro, cando se ampliou ata o 90%. Foi o 23 de outubro cando se ampliaron os aforos ao 100%. Estas viaxes comezaron na Ponte de San Xosé, o pasado mes de marzo, dando a posibilidade nos meses de primavera e outono de gozar desta tan atractiva oferta turística, con espectáculos como a viticultura heroica.

Este servizo turístico de calidade rompe coa estacionalización do sector, afianzando unha das principais políticas provinciais, e permite xerar un efecto multiplicador no resto do territorio e na Ribeira Sacra en particular, en termos de hostalería e restauración, sendo un importante incentivo para o sector servizos, un dos máis castigados pola pandemia. Así mesmo, as rutas en catamarán da Deputación de Lugo contribúen ao desenvolvemento económico da provincia a través do turismo e, particularmente, á proxección do territorio.

Un aumento significativo
Esta tempada foron moitos os visitantes que optaron por este servizo turístico, que case duplicou o número de viaxeiros respecto ao ano 2020. O inicio o servizo, que arrancou tres meses antes que a pasada tempada, e o aumento de aforos cara finais de ano permitiu un crecemento do 160% no número de viaxeiros e viaxeiras.

Durante este ano, volveron a ofrecerse dous itinerarios para percorrer en catamarán a Ribeira Sacra: un que segue o curso fluvial do río Miño que parte do embarcadoiro de Belesar, en Chantada, e outro polo Sil, saíndo do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos.

Calquera delas son o punto de partida ideal para coñecer as peculiaridades da Ribeira Sacra,da súa historia e da súa tradición vencellada á viticultura heroica.