Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Interior Galego Vivo solicita Atención Primaria e Pediátrica digna na Ribeira Sacra

Por 12 Decembro, 2021Sin comentarios

Interior Galego Vivo solicita un plan para a dignificación da Atención Primaria e Pediatría no interior galego despois de que durante os meses finais de 2021 se “evidenciaran problemas estruturais na Atención Primaria das comarcas do distrito sanitario de Monforte”.

Coa recente xubilación de persoal médico amortizáronse nos últimos tempos, polo menos, catro prazas (Monforte, Carballedo, Sober e Pantón) o que redunda nunha maior desatención e mingua de servizos no rural. No interior galego hai que fixarse no cupo de cada médico e ter en conta a dispersión e o que se tarda na atención ao fogar.

A plataforma Interior Galego Vivo afirma que “na actualidade están abertos os maiores problemas na Atención Primaria en Pantón xa que periga outra das prazas de Medicina de Familia, cuberta de xeito precario e Chantada, onde hai dous médicos e onde derivan os pacientes de Carballedo, que non ten médico estes días ao estar de baixa”. Resaltan que “este problema non é novo, é estrutural o feito de que non se dan cuberto as baixas, permisos ou ausencias laborais diversas, redundando nunha sobrecarga das e dos profesionais en activo. Un dos motivos é a falta de estabilidade laboral que ofrece o SERGAS, con contratos que se fan por días, despedindo nas fins de semana. Así, amósase unha vez máis o descaro da Xunta e do PP, que anunciara que a supresión da área sanitaria e a integración na de Lugo garantiría a dotación de profesionais. Cada novo recorte nos servizos no rural xustifícase na “eficiencia” ou na “mellora” do servizo que xamais se verifican nen teñen calquera controlo a posteriori”.

Ademais recordan que tamén é estrutural a carencia de atención pediátrica en todo o distrito sanitario xa que durante estes días Chantada estivo novamente sen pediatra e Monforte, onde acoden os concellos da contorna, ten unha listaxe de agarda para atención de consultas por enfermidade que pode chegar ás dúas semanas.

Desde Interior Galego Vivo consideran que “o SERGAS debe impulsar un plano específico para a mellora da Atención Primaria e Pediatría no distrito sanitario de Monforte que teña en conta as condicións laborais das e dos profesionais e a necesidade de maiores incentivos para exercer no interior galego”.