Skip to main content
Pantón

O presidente da Deputación e o alcalde de Pantón asinan o convenio da residencia de maiores

Por 22 Decembro, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou no Pazo de San Marcos co alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, o convenio para a construción do Centro de Atención a Maiores desta localidade. Un acordo que ascende a 1,7M€, dos cales a institución provincial achegará 1,4M€ e o Concello 300.000€ en cinco anualidades, desde este 2021 ao 2025.

Esta sinatura reafirma o compromiso de José Tomé Roca con esta infraestrutura social e cúmprese a súa palabra dada neste sentido. O mandatario provincial xa asinou neste mandato un protocolo co rexedor e o pasado verán presentou en Pantón ante a veciñanza os detalles deste importante proxecto, xa redactado.

Este Centro de Atención a Maiores construirase no centro de Ferreira, na rúa Ourense.

“A residencia de Pantón terá grandes beneficios para este concello e para toda a comarca. Estamos falando de que será a obra pública, posiblemente, das máis importantes que se fixo neste municipio dende hai tempo”, subliña o Presidente.

O proxecto da residencia de Pantón é o primeiro da Rede Provincial de Centros de Atención a Maiores que se elaborou integramente contando co asesoramento do Servizo de Benestar da Deputación. “Isto ten a vantaxe de que se incorporaron todas as melloras que se foron detectando grazas á experiencia conseguida nas residencias que xa temos en funcionamento”, concreta Tomé Roca.

“Será moi acolledora, tanto pola súa situación, en pleno centro de Ferreira, o que permitirá que os usuarios vivan plenamente integrados co resto da veciñanza, como polo seu deseño, pensado por e para as persoas, de tal xeito que favorecerá unha atención personalizada e unha convivencia agradable”, destacou sobre a nova dotación social.

Así mesmo, a residencia desta localidade da Ribeira Sacra creará emprego e actividade económica. Aos en torno de 25 postos de traballo directos que xerará o centro, hai que sumar o emprego indirecto e o retorno económico que o funcionamento deste servizo terá para os negocios locais, tales como a farmacia, comercios, supermercados, hostalería ou produtores de alimentos.

Un modelo asistencial propio
Seguindo o modelo asistencial da Deputación, o Centro de Atención a Maiores de Pantón será público, explicou o Presidente, co que “o único obxectivo será prestar a mellor atención posible ás persoas que vivan nel, que se sintan como na súa casa”. “As residencias da Deputación están centradas nas persoas, non buscan o negocio, aquí non hai beneficio empresarial, o único beneficio vai ser para as persoas”, afirmou.

O centro de maiores tamén favorecerá o arraigo dos veciños e veciñas e, polo tanto, “a súa calidade de vida e que a xente se quede a vivir en Pantón”, porque a veciñanza do concello terá prioridade no acceso ás prazas, logo os residentes en municipios limítrofes e os do resto da provincia.

O modelo da Deputación garante que calquera persoa, independentemente da súa situación económica, poida acceder ás prazas porque os usuarios pagarán en función da súa capacidade económica. Así mesmo, as residencias da Deputación garanten o arraigo porque son centros de pequeno tamaño, con traballadores que normalmente son do propio concello ou da zona, e que están plenamente integradas no día a día das vilas nas que se asentan, como é o caso de Pantón.

Características
O Centro de Atención a Maiores de Pantón da Deputación de Lugo terá capacidade para entre 30 e 39 prazas, distribuídas en 18 habitacións dobres e 4 individuais, máis 3 prazas en enfermaría. Todas as habitacións serán accesibles e amplas, e contarán con cuarto de baño propio.

O deseño repara no cumprimento de barreiras arquitectónicas e está configurado nunha edificación onde prima a luminosidade e a iluminación natural con grandes zonas acristaladas, tanto nos dormitorios coma nas salas e zonas comúns. O edificio constará dunha planta semisoto, unha planta baixa, dúas plantas altas e un ático.

No semisoto situarase unha sala de estimulación multisensorial, despachos para o persoal, vestiarios e almacéns. A planta baixa é a de acceso principal. Albergará o comedor, a cociña, a zona de administración e dirección, salas de convivencia e de actividades, así como cuartos de baños. As dúas plantas superiores acollerán as habitacións cos seus correspondentes cuartos de baño, ademais de almacéns e locais de limpeza. No ático está a zona de lavandería, locais das instalacións e almacéns.

O edificio terá unha alta eficiencia enerxética. Case toda a enerxía necesaria para a auga quente sanitaria procederá de fontes de enerxías renovables ou aproveitando o calor residual. Ademais, irá moi ben illado, o que fará que teña un consumo case nulo.

Unha Rede de Centros de Maiores que aumenta
A Deputación de Lugo abriu neste mandato catro centros de maiores, que se suman aos tres que xa estaban funcionando. Na actualidade ten sete centros de atención a maiores abertos en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada, Castroverde, Pedrafita do Cebreiro e Meira, e o ano que vén prevé abrir o de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Ademais, sigue traballando nos proxectos que están en marcha, como os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, Becerreá, A Pobra do Brollón, Ourol ou Folgoso do Courel, entre outros.

Nos Orzamentos 2022 a Deputación aumenta un 20% a partida que destina aos Centros de Atención a Maiores ata acadar preto de 10M€.