Skip to main content
A Pobra do Brollón

As probas desvelan a antigüidade de Penas do Castelo

Por 23 Decembro, 2021Sin comentarios

A primeira campaña arqueolóxica en Penas do Castelo segue dando resultados únicos e sorprendentes. Este xacemento situado na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón, foi escavado o pasado verán con financiación da Xunta de Galicia e a colaboración de Concello, Asociación Veciñal e Comunidade de Montes.

Na escavación descubriuse unha monumental muralla con seis metros de ancho e ata catro de altura. Dende aquela, moito se ten especulado entre veciños e especialistas sobre a orixe deste xacemento tan peculiar.

Os seus foxos monumentais, escavados na rocha, recordaban aos de outros castros do Courel e mesmo a xacementos como o do Castrillón en Larouco. Por outra banda, a súa situación totalmente en ladeira con moi pouca superficie aproveitable no interior e sobre todo, a súa descomunal muralla e un peculiar sistema construtivo en módulos, tiña desconcertados aos especialistas.

Durante a escavación, a edafóloga Cruz Ferro tomou unhas mostras de terra ‘en puntos clave do momento de construción da muralla’ comenta. Tras ser analizadas por Carbono-14 no laboratorio BETA de Miami, podemos afirmar que os resultados das datacións dan século VIII–IX antes da nosa era. ‘A coherencia de resultados entre as tres mostras, fainos altamente fiables,’ engade Ferro.

A orixinalidade do xacemento vén dada por tratarse dun castro extremadamente temperán, polo que non resulta comparable cos castros máis ‘clásicos’ de épocas posteriores. ‘Isto refléxase na propia toponimia; non é casual que se lle chame castelo e non castro. Para a sociedade tradicional, isto non era un castro como pode ser o da Roda, tamén en Salcedo’ sinalan dende o equipo.

Con esta datación, Penas do Castelo sitúase precisamente no que sería a transición da Idade do Bronce á Idade do Ferro. Sería esta a época da construción dos primeiros castros no noroeste peninsular, é dicir, o momento no que as comunidades comezan a asentarse de forma sedentaria no territorio e a facer construcións permanentes en pedra.

‘Estamos na bisagra entre un mundo de estruturas perecedoiras, máis de camping e un mundo de edificios para durar, máis de aldea,’ resume Benito Vilas, director arqueolóxico.

Precisamente este é un dos elementos máis interesantes do xacemento, xa que máis alá do local, gaña interese científico por tratarse dun período histórico no noroeste peninsular moi descoñecido a nivel de investigación. Penas do Castelo pode contribuír a entender as dinámicas que provocan a sedentarización das comunidades e as tensións territoriais que isto provoca.

Neste marco, a situación do xacemento non semella casual xa que se atopa nun territorio de coñecida riqueza mineral. Naquel momento, certos minerais como o ferro serían estratéxicos e o control da súa extracción e comercio, fundamental para as comunidades. ‘Sospeitamos que este feito pode estar detrás da localización tan atípica, en ladeira, ou do extraordinario tamaño das murallas,’ comentan dende o equipo.

Novos interrogantes
A chegada dos resultados é unha agardada resposta que á súa vez provoca novas preguntas.
‘Temos que entender que mentres esta comunidade está a dotarse dunha muralla de pedra de seis metros de ancho, noutros lugares de Galicia aínda están construíndo con paus, palla e barro,’ destaca Benito Vilas.

Dende o punto de vista da organización social, este feito pode ser indicio dunha comunidade moi organizada, seguramente con xerarquías e, sobre todo, excedente en tempo e man de obra que permita unha obra civil desta magnitude.
Por outra banda, está o coñecemento técnico que implica esta construción. ‘Chama a atención que nesta época, na que se constrúen os primeiros muros en pedra, fagan unha muralla de seis metros de ancho e cunha técnica tan depurada. De onde vén ese coñecemento?’ pregúntase Vilas.

Novos retos
O xacemento afronta tamén un novo momento como sitio visitable dentro da rede de recursos turísticos do Concello da Pobra do Brollón. ‘A aposta do Concello da Pobra do Brollón pola arqueoloxía en comunidade como estratexia de creación de recursos turísticos dá os seus froitos e estes resultados, sen dúbida, aumentarán o interese en visitar este xacemento,’ sinala Xosé Lois Maceda, alcalde do Concello da Pobra do Brollón.

Ademais o resultado axuda a xuntar aos veciños en torno ao xacemento e o proxecto, xa que sitúa a Salcedo no mapa arqueolóxico. ‘Ademais do coñecido Entroido e o Oso, Salcedo ten outros valores patrimoniais que temos que destacar,’ sinala Marisa Defente, representante da Asociación Veciñal e Comunidade de Montes de Salcedo. ‘É moi curioso ver como as construcións desas primeiras comunidades en asentarse no territorio, axudan agora ás que se cadra somos as últimas comunidades a crear identidade e recursos para seguir sedentarios.’

Para a Consellería de Cultura os resultados son de sumo interese para a investigación mais tamén no marco da candidatura a Patrimonio da Humanidade, xa que nos poñen en contacto coas primeiras comunidades en asentarse de forma definitiva e permanente nestas ribeiras, coas consecuencias que isto ten para a paisaxe.