Skip to main content
O Saviñao

56 Familias con fillos ao seu cargo do Concello do Saviñao recibirán un menú especial Fin de Ano

Por 31 Decembro, 2021Xaneiro 2nd, 2022Sin comentarios

O Concello de Saviñao colabora coa entrega a domicilio dun menú especial Fin de Ano ás persoas que forman parte do reparto ordinario de alimentos con fillos a cargo, unha iniciativa proposta por cinco empresas do municipio: restaurante Playa da Cova, Bea Vilariño, Patatas Prado, Supermercado Aliprox e Panadería Escairón.

O alcalde, Carlos Armesto, explica que “para preservar a identidade destas persoas, o Concello non facilita os seus datos ás empresas e encargarase, a través de persoal municipal, de facer entrega do menú o propio día 31 a aquelas familias que se atopan nunha situación puntualmente máis difícil, as que forman parte do programa do reparto ordinario de alimentos do Concello do Saviñao e que, ademais, teñan fillos ao seu cargo”.

O Concello contactou previamente con todas esas familias para coñecer cales poderían estar interesadas. Segundo o rexedor, “é unha iniciativa boa e á xente encantoulle”.

Armesto quixo agradecer a colaboración a tódalas empresas tendo en conta que “é un desembolso importante, especialmente para o restaurante Playa da Cova, porque falamos de máis de 56 menús que, por suposto, teñen un custo. Polo tanto, é de agradecer o seu xesto altruísta co que pretendan favorecer á xente máis desfavorecida”.

O Concello do Saviñao tamén se une á causa para que “nunhas datas tan sinaladas e entrañables, estas familias con fillos a cargo podan vivir o encanto do Nadal e rematar o ano cun menú especial que esperemos que lles guste moito”, conclúe o alcalde.