Skip to main content
Comarca SARRIAXA

Concertos, teatro, pista de xeo e máis actividades na comarca de Sarria para este Nadal

Por 8 Decembro, 2021Decembro 9th, 2021Sin comentarios

A época de nadal é, probablemente, unha das datas máis esperadas polos nenos durante todo o ano. En primeiro lugar porque están de vacacións e non teñen que acudir ao colexio ou instituto. En segundo lugar, porque o seguramente reciban agasallos e, para finalizar, son moitos os nenos e nenas que nestas datas se reúnen con familiares e amigos para pasar un bo rato.

Este ano as vacacións de Nadal darán comezo o 22 de decembro e estenderanse ata o 10 de xaneiro, día no que retomarán a actividade escolar. Aquí propoñémosvos unha serie de plans de Nadal e de desfrute ao aire libre para facer durante estes días de descanso.

Durante os últimos anos son moitos os concellos que organizan e programan actividades para ofrecer entretemento e maneiras de pasalo ben aos rapaces da zona intentando que saian da casa e deixen a un lado as novas tecnoloxías coas que andan absortos. Ademais, este tipo de actividades e iniciativas axudan a fomentar o comercio local, consumir en negocios de proximidade e ademais é unha forma de promover e apoiar aos emprendedores da zona.

Que facer en cada concello da comarca

No Concello de Sarria retómase a actividade que xa tivo lugar noutras ocasións “O Lotón”. Esta campaña está organizada pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria na que as persoas que fagan compras en comercios do Concello de Sarria entre os días 15 e 31 de decembro participarán nun sorteo de 1000 euros para gastar nos negocios da zona. Este tipo de actividades fomentan a compra nos negocios locais. Ademais, os establecementos asociados poderán participar no concurso de escaparates un ano máis. Para elo, deberán subir unha fotografía ás redes sociais e resultará gañador aquel establecemento que conteña máis “Me gusta” na publicación. Este tipo de actividades teñen como obxectivo a posta en valor dos negocios locais promovendo a súa creatividade e incrementando o espírito de nadal que axuda a proporcionar un ambiente de festividade maior na zona.

Unha actividade que mestura o incentivo do comercio local e a diversión dos nenos e non tan nenos é a pista de xeo que se colocará na praza do Concello. Esta, encontrarase dende o día 22 de decembro ata o 9 de xaneiro. Estará amenizada con música creando un ambiente festivo propio destas datas. Para poder patinar nela tan só haberá que presentar un tícket de compra dun comercio de Sarria, desta forma seguirase apoiando os negocios locais e promovendo o xogo ao aire libre, as reunións cos veciños e a xuntanza de amigos.

Nestas datas tamén haberá concertos e actuacións coas corais e a banda municipal de música.

Xa en xaneiro, o día 5 terá lugar a cabalgata dos reis para os nenos do Concello que terán a oportunidade de ver as súas maxestades a tarde que precede a noite máis especial do ano para eles.

No concello de Paradela comezará a programación de Nadal cun concerto da banda de música de Paradela, esta actuación terá lugar o día 19 de decembro e, ao rematar, haberá unha merenda de chocolate con churros para todos os asistentes.

Con este tipo de actividades estase a buscar un momento no que facer parroquia e actividades coa veciñanza.

Despois do éxito que tivo a cabalgata do ano pasado achegando a ilusión e a maxia do Nadal as casas do Concello, a Asociación de Mulleres Rurais de Paradela en colaboración co Concello e coa ANPA levarán a cabo unha cabalgata máis próxima e similar ás anteriores da pandemia. Esta cabalgata de Reis polas rúas da vila terá lugar o día 6 de decembro para evitar coincidir coa de Sarria e que todos os nenos poidan desfrutar por partida dobre. O acto dará comezo ás 17.30 horas e despois de pasear por Paradela visitarán a Residencia de Maiores para entregarlles aos avós un roscón de Reis. A continuación farase a entrega dos agasallos aos nenos que tamén poderán realizar fotografías coas Súas Maxestades or Reis de Oriente.

Foto de arquivo: Cabalgata de Reis organizado pola Asociación de Mulleres Rurais de Paradela.

Alumeado de Nadal no concello de Triacastela.

Banda de música de Sarria

Rilo&Penadique

O Concello de Samos estreou durante os últimos días unha ornamentación sinxela para ambientar as rúas da vila. En canto a actividades o concello non ten nada especial preparado. O inverno é un período de tempo no que non hai moito turista, nin visitante, nin peregrino polo que non hai movemento na vila para realizar actos ou espectáculos. Ademais, procuran ser prudentes coas novas restricións da Covid-19 e non contribuír a súa propagación.

En Triacastela estrearon o alumeado a pasada fin de semana e, o día 26 de decembro, contarán cunha obra de teatro. Esta será un contacontos musicado de nadal do programa FalaRedes de Cultura Activa. A obra corre a cargo de Rilo&Penadique. Elas narran, cantan e musican contos escoitados nalgún lugar ou escritos nalgún libro, nacidos desde ser. Encárganse de fusionar o mundo da infancia coa palabra e a música dando lugar a espectáculos de narración oral para todo tipo de públicos familiares. Sonsoles Penadique é a que leva a parte musical e Vero Rilo a narración oral.

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega que achega aos concellos e entidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta con máis de 180 pases e 30 actividades.

Os concellos de O Incio, Láncara e O Páramo están acabando de concretar as actividades que se van a levar a cabo. Comunicarán os actos nos vindeiros días.

Plans alternativos de turismo para coñecer máis a fondo a comarca.

Outras alternativas para desfrutar da comarca e do tempo libre en familia son as rutas, os paseos e as camiñadas por diferentes sendas e contornas ademais das visitas aos puntos turísticos máis importantes da zona.

No concello de Sarria pódese visitar a Escaleira da Fonte que é a máis famosa da vila, tamén coñecida como Escaleira Maior. Subindo por ela chégase directamente á zona histórica de Sarria. Outro punto de interese pode ser a Igrexa de Santa Mariña que conta cunha torre en forma de pirámide rematada cunha agulla que se pode distinguir dende a devandita Escaleira Maior. A Igrexa de San Salvador de Sarria é un pequeno templo do século XIII situado ao lado dos restos da Torre da Fortaleza que tamén é digno de visitar. O Miradoiro do cárcere é un miradoiro con cruceiro onde se poden observar unhas boas vistas da vila e da Vega de Sarria. Está localizado ao lado da antiga cárcere. Outro elemento a visitar é a Torre Fortaleza, restos da antiga fortaleza localizados na parte máis alta de Sarria á que se pode subir pola escaleira para gozar das vistas que ofrece da vila. Un dos edificios máis emblemáticos da vila que se pode visitar durante estes días de vacacións é o Monasterio da Magdalena na que destaca a súa igrexa con fachada plateresca e o seu claustro gótico.

Na zona do concello de Paradela pódese visitar a Ermida de Penarredonda, unha sinxela construción datada de 1798 que podería estar levantada sobre un castro no Monte da Trapa. Neste lugar hai constancia de minas romanas de ferro e existe unha cova con numerosas estalactitas.

Os veciños da zona do Páramo poden aproveitar estas datas para visitar a ponte medieval de Neira que atravesa o río do mesmo nome. Non moi lonxe de aí, atópase Vilarmosteiro onde se poden ver os pendellos que hai no campo da festa. Outros puntos de interese da arquitectura relixiosa son as igrexas de San Xoán Friolfe, San Salvador Vileiriz, Santa Mariña de Adaí, Santo Estevo de Grallás, Santiago de Saa ou a Igrexa de Piñeiro.

A ponte de Carracedo de Láncara é unha ponte de cantería granítica do ano XVI feita con materiais e base romanos. Tamén se pode aproveitar para ver o Pazo de Láncara unha construción que sufriu unha gran reforma no século XVIII. Este concello conserva bastantes igrexas románicas en Muro, Neira de Cabaleiros, Oleiros, Toirán e Bande entre outras aínda que destaca a de Monseiro coa súa porta principal, a pila de auga bendita e o retablo maior de estilo barroco.

Unha boa visita para toda a familia no concello de Samos é o Real Monasterio de San Julián unha abadía beneditina fundada no século VI, trátase do mosteiro habitado máis antigo de España e un dos tres únicos habitados que quedan en Galicia. Para aproveitar da natureza que rodea a vila pódese seguir a Ruta Fluvial que conta con 3 quilómetros de lonxitude que nace xunto ao muíño Bizarro e finaliza na ponte de Bao.

Para facer unha visita turística na contorna de Triacastela pódese visitar a Igrexa de Santiago e o mosaico. A igrexa fusiona unha parte de estilo barroco cun ábsida románico. Outra alternativa sería pasear polo Camiño Suavila un paseo fluvial ao carón da beira do Río Oribio entre casas baixas e hortas que transmiten paz. Seguindo o camiño atópase o Palomar unha das construcións máis características da vila con planta circular e unha cuberta cónica de lousa.

No Incio pódese realizar unha parada na Igrexa San Pedro Fiz de Hospital un templo único en Galicia debido ao material de construción, levantada en mármore azulado propio da zona e extraído dunha canteira próxima. Tamén se pode realizar a ruta por Vilasouto unha senda chá e moi sinxela de facer con nenos por unha contorna natural excelente que ademais conta con sinalización das variedades arbóreas polo que será unha excursión didáctica. Unha senda acondicionada con mesas de merenda, zonas de descanso e praia fluvial que se desfruta moito sobre todo en outono xa que esta estación ofrece un paisaxe moi colorido grazas aos castaños, carballos e álamos.