Skip to main content
Comarca SARRIAXA

Xornada marcada polo Covid en Segunda

Por 20 Decembro, 2021Decembro 21st, 2021Sin comentarios

En Segunda, o Paradela non puido xogar o seu partido contra o Santa Comba debido a que, un dos xogadores do equipo rival, deu positivo en Covid e os seus compañeiros están á espera de facer a proba, xa que son considerados contactos directos.

Con este partido suspendido xa son dous os que, o equipo de Paradela, non puido xogar polo mesmo motivo. A semana pasada foi o encontro co Becerreá o que se suspendeu. Este enfrontamento terá lugar o día 19 de xaneiro.

Aínda que o equipo da comarca de Sarria leva dúas xornadas sen sumar puntos mantense na segunda posición da clasificación cun total de 13 tantos acadados nos seis partidos xogados. Acumula catro vitorias, un empate e unha derrota. O enfrontamento contra o Corgo acadou un resultado final de 2-6 sendo a primeira vez que O Paradela perde en toda a liga.

Por outra banda, o Páramo enfrontouse co Milagrosa e perdeu. O encontro que se xogou nas Rapadas tivo un claro dominio visitante. Na primeira parte, os do Milagrosa marcaron un gol de penalti e chegaron 0-1 ao descanso. Xa no segundo tempo, afianzaron resultado co 0-2 do minuto 55 e sentenciaron no 89 co 0-3. Este partido deixa ao equipo da comarca terceiro na clasificación, descendendo unha posición con respecto á xornada pasada.

O enfrontamento entre o Bóveda e o Incio no grupo 2B tamén se suspendeu pola mesma razón que o do Paradela. Nesta ocasión O Incio Terra Brava CF ocupa o sexto lugar da clasificación con seis puntos acadados ao gañar contra o Quiroga na primeira xornada e contra o Oural na última. Nos demais enfrontamentos xogados polo equipo da comarca de Sarria foron derrotados.