Skip to main content
Cultura SARRIAXAParadela

Rocío Domínguez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Paradela: “Temos 200 socias de diversos concellos”

Por 26 Decembro, 2021Maio 23rd, 2023Sin comentarios

Milagros e Rocío Tesoreira e Presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Paradela

A Asociación de Mulleres de Paradela naceu en outubro do ano 2010 coa iniciativa de media ducia de mulleres do Concello que foron as primeiras en percatarse da necesidade real de interrelación entre a xente de diferentes lugares que forman as 18 parroquias do concello de Paradela, que debido ás interminables labores de labranza e a dispersión da poboación estaban moi minguadas. Naquel entón a asociación vótase a andar cun capital irrisorio que aportan estas mulleres emprendedoras e empeza o boca a boca de que en Paradela se fixera unha Asociación de mulleres, desta forma comezan a ter un número importante de socias que foi medrado ano tras ano pouco a pouco.

De que se encarga a Asociación?

Encargámonos de todas as actividades lúdicas, ou case todas que xorden no noso pobo e estamos  sempre abertas a calquera idea que nos poidan aportar os veciños e tamén estamos sempre en  estreita colaboración co Concello de Paradela co cal temos unha “simbiose moi especial”.

Teñen socias de Paradela ou de máis concellos?

Grazas a prensa e ás redes sociais a nosa Asociación é coñecida en gran parte dos concellos  limítrofes e agora mesmo temos socias de Sarria, Lugo, Saviñao, Páramo e incluso de Coruña e o  noso obxectivo é seguir medrando e darnos a coñecer en tódolos concellos de Galicia, polo noso ben facer.

Que actividades e servizos ofertan?

Sempre tivemos unha oferta moi variada de actividades para tódolos públicos, pero estes, case dous  anos de pandemia, viuse moi minguada a oferta polas restrición ás que nos vimos sometidas. Agora mesmo, respecto a cursos, temos pilates, dous días á semana e manualidades e pintura ó óleo, un día á semana.

Tamén temos en mente ampliar a oferta con ximnasia de mantemento e algún outro curso no que estamos a traballar.

Ademais destes cursos tamén facemos, durante o inverno ceas-baile para celebrar fechas tan  sinaladas como o magosto, carnaval ou a cea da caza, onde colaboran con nós as cuadrillas de cazadores da zona. Unha vez que chega a primavera e o bo tempo empeza a asomarse, empezamos con Domingos de  excursións; Un domingo ó mes saímos a facer unha ruta de sendeirismo a calquera lugar de Galicia,  por exemplo, algunhas das que levamos feitas son:

A ruta da Pedra e da Auga (Pontevedra), O fuciño do Porco (Lugo), Ruta dos Muíños do río Barosa  (Pontevedra), etc, incluso xa fixemos algunha fóra de Galicia como a Senda do Oso en Asturias.  Estas camiñatas fanse pola mañá e pola tarde, despois de comer todos xuntos, facemos a parte  cultural da viaxe, sempre buscamos algunha visita a algún museo da zona.

Aparte das viaxes “domingueras” tamén empezamos este ano coa modalidade de “fin de semana”,  fixemos unha viaxe a Cantabria e coñecemos lugares como Santander, Comillas, Santillana del Mar, Cabárceno e o pobo asturiano de Cudillero. Foi a primeira viaxe de fin de semana pero debido ó éxito acadado e a gran demanda deste tipo de  viaxes, estamos organizando un para a próxima primavera que nos vai ser menos bonito co anterior,  pero non podemos dar máis datos ata ter todo concretado.

Tamén facemos unha viaxe a Portugal tódolos anos, aproveitando a mañá para visita cultural e pola tarde visitamos unha feira típica do país veciño. A última que fixemos foi unha ruta nun tren  turístico, por lugares emblemáticos de Salvaterra de Miño e o Palacio de Brejoeira en MonÇao, e  polo tarde á feira de Vilanova de Cerveira.

Cales son os obxectivos da Asociación?

Os obxectivos que nun principio se marcaron, están máis que superados, pois conseguimos que a xente dos pobos volvera a xuntarse en eventos en común e non só do Concello de Paradela, senón doutros concellos veciños. Pero o que si temos claro e que todo se pode mellorar e traballamos día a día, incansablemente para que así sexa.

Como afectou a pandemia á súa actividade?

A pandemia afectou como en tódolos ámbitos, negativamente, pois debido ás restricións impostas tivemos un cese total de todas as nosas actividades, durante case dous anos, pero si temos que dicir que as nosas socias seguiron pagando a cota rigorosamente, como se a asociación funcionara ao 100%, porque o que todas tiñamos claro é que isto non ía facer desaparecer, todo un traballo de tantos anos.

Cal é o punto forte da Asociación? 

Nós non temos un punto forte, ou así o pensamos as seis mulleres, que formamos a directiva neste momento, simplemente escoitamos as propostas das nosas socias e veciños e poñémolas en práctica na medida do posible, xunto coas ideas que a nós mesmas se nos ocorren.

Cantos socios ten na actualidade?

Na actualidade estamos preto das 200 socias de diversos concellos e cada ano imos medrando un pouco máis grazas á visualización do noso traballo en prensa, redes sociais e o boca a boca da xente.

De que estades máis orgullosas?

Sen lugar a dúbidas, das nosas socias, non podían ser mellores, sempre dándonos ánimo para seguir  e alabando cada actividade nova que sae á luz. Elas sempre dispostas para axudar en todo o que nos  faga falta. E non podemos esquecernos dos veciños e do noso Concello que sempre está disposto a colaborar  con nós.

Cal é a data máis sinalada do ano?

A data máis sinalada do ano é a cena anual de socias que se celebra no mes de outubro. Esta é a única actividade na que soamente teñen cabida as mulleres socias, ou aquelas que se queiran  integrar con nós.

Cada ano celébrase nun restaurante diferente, da nosa localidade, porque se algo temos claro nesta formación é que é primordial o apoio ó comercio local.

Queremos deixar claro que esta é a única actividade exclusivamente adicada ás socias, xa que tódalas outras actividades están abertas a calquera persoa, home, nenos ou muller, sexa ou non do noso concello.

Que supón esta Asociación para Paradela?

Supón unha inxección de dinamismo tanto social como culturalmente falando, xa que volvemos a activar moitas costumes perdidas entre os veciños, algo tan importante como a convivencia entre outros valores que se estaban a esquecer.

Hai anos esta tarefa facía unha asociación que era a máis antiga que se recorda no concello, a Asociación Cultural “O Barrido” que fai uns anos deixou a súa actividade despois de ser a forza  dinamizadora alá polo anos oitenta.

Un dos nosos retos é volver a poñela en marcha para que os homes poidan ter unha asociación de referencia, xa que a Asociación de Mulleres non contempla nos seus estatutos a posibilidade de que  os homes poidan ser socios, e así traballar de maneira conxunta as dúas asociacións.

Que función fan como asociación na sociedade?

A nosa función ademais de lúdica é cultural e a que os nos veciños nos demanden, porque de sobra saben que estamos aquí para atender as necesidades de todos eles e intentar resolvelas no que estea nas nosas mans.

Dende aquí queremos agradecer a todos os veciños e veciñas, socias e Concello, todo o apoio que  nos dan cada día. Eles son o motor desta gran familia e sen eles, e o seu apoio incondicional esta asociación non  existiría. Gracias a todos e todas en nome da directiva da Asociación de Mulleres de Paradela.

Que función ten a Asociación nas mulleres do rural?

Non temos unha función destacada en si sobre da muller, senón que intentamos atender á demanda de calquera persoa sea home ou muller, e fomentar a convivencia entre persoas sexan do xénero que sexan.

É un grupo que dá forza á sociedade debido á represión e violencia que sofren?

É un grupo que dá forza á sociedade ante calquera tipo de represión ou acto violento, sexa violencia de xénero ou calquera outro tipo de violencia.

Sentimos unha gran repulsa ante calquera acto violento á sociedade na que vivimos, estando sempre dispostas a poñer o noso gran de area nesta loita. Loitamos pola igualdade das persoas.

“Na pandemia decidimos que os nenos de Paradela non ían quedar sen ver aos Reis Magos e moito menos sen agasallos”

Teñen algunha actividade programada para o Nadal?

Si, nós tamén pensamos nos nosos cativos e en persoas tan vulnerables como as persoas maiores de noso concello.

Por iso, o día 6 de xaneiro, en colaboración co Concello e ca ANPA, faremos unha cabalgata de Reis polas rúas do noso pobo, posteriormente visitaremos a Residencia de Maiores para entregarlles ós nosos avós e traballadores da residencia, un roscón de Reis e a continuación farán entrega dos agasallos aos nenos, fotos cos Reis. Máis tarde haberá unha actuación infantil, que aínda está por concretar, e unha merenda para nenos, pais e avós.

Cal é anécdota que recordades con máis agarimo?

Parece incrible, pero a pandemia tróuxonos a anécdota máis agarimosa que poidamos vivir en pouco máis dunha década de vida da asociación.

Transcorre nunhas festas máxicas, o Nadal, e máis máxico se cabe, o día de Reis. Como estabamos en época de moitas restricións polo COVID-19, a normativa non nos permitiu facer a cabalgata de Reis, como todos os anos, pero nós, que sempre buscamos unha saída en calquera obstáculo que se nos poña no noso camiño, decidimos que os nenos de Paradela non ían quedar sen ver aos Reis Magos e moito menos sen agasallos.

Puxémonos en contacto coa ANPA do Colexio de Paradela (que xa viña colaborando con nós na  celebración de Reis) e co Concello, e tamén se sumou á causa a empresa local de “Autocares  Manolo” quen nos ofreceu os seus servizos de maneira desinteresada e aí xurdiu a idea. Puxémonos en contacto coas Maxestades de Oriente e nunha furgoneta Real, e fomos visitando a todos os nenos do concello, un por un e pobo por pobo. Desta maneira puidemos contribuír á ilusión dos cativos de recoller os agasallos das mans de Melchor, Gaspar e Baltasar.

Que hai que facer para formar parte da Asociación?

Pode facerse socia calquera muller, de calquera lugar, cunha achega anual de 10 euros, que se pon ó cobro nos meses de outubro e novembro e poñéndose en contacto previamente coa Presidenta (Rocío) no número de teléfono 649 240 466 ou coa Tesoureira (Mila) no 669849518, que lles explicarán as directrices a seguir para formar parte dela. No momento que fagan efectivo o pago, incluiranse no grupo de WhatsApp da asociación, onde se informará en tempo real de todas as actividades.

Tamén pode visitarnos quen queira, no noso perfil de Facebook “Asc Mulleres Rurais Paradela” onde colgamos fotos e anuncios de todas as nosas actividades.