Skip to main content
Samos

Adrián Folgueira dirixe as obras de mantemento do castro de Formigueiros de Samos

Por 21 Decembro, 2021Decembro 22nd, 2021Sin comentarios

O arqueólogo lucense Adrián Folgueira dirixe as obras que se están a levar a cabo no castro de Formigueiros de Samos. Estas tarefas inclúen o desbroce, a sinalización e a documentación do castro.

A intervención, financiada pola Xunta, conta cun orzamento de 13.000 euros.

O desbroce levouse a cabo nunha superficie de cinco hectáreas despois de que a maleza deixara inaccesible este castro. O arqueólogo encargouse de realizar un plan de mantemento e limpeza que se debería levar a cabo nesta zona de forma anual, para mantelo en condicións óptimas que favorezan a posta en valor desta área arqueolóxica.

Tras os traballos de desbroce, realizouse a ortofoto coa axuda dun dron. Tamén se levaron a cabo os traballos de documentación que servirán para a instalación, próxima en datas, de letreiros de sinalización e paneis de información que acheguen os datos de interese do castro para aquelas persoas que o visiten de maneira autónoma.

Trala recente visita dunha restauradora, que se encargou de inspeccionar as estruturas escavadas, chegouse á conclusión de que se debe actuar con brevidade e realizar unhas tarefas de consolidación que aseguren a zona e a manteñan nunhas condicións óptimas para unha boa e lonxeva duración deste castro no tempo.

CASTRO FORMIGUEIROS
É un poboado que data na Idade de Ferro, situado e fortificado a 785 m por riba do nivel do mar. Está moi próximo ao lugar de Airexa, na parroquia do mesmo nome, na provincia de Lugo.

Este castro habitouse como mínimo ata a época das invasións xermánicas e do desmoronamento do imperio romano, presentando así varias peculiaridades, entre as que destacan catro murallas defensivas cos seus fosos. Ademais, nalgunha das entradas, presenta pedras incadas contra cabalería.

Éste castro é considerado como un dos máis monumentais de Galicia e situado no extremo occidental da serra entre os concellos do Incio e Samos, sorprende pola súa extensión e complexidade das defensas para tan reducida zona que estaba habitada.