Skip to main content
Sarria

O Lotón deixará 1.000 euros de premio por mercar nos comercios de Sarria

Por 10 Decembro, 2021Sin comentarios

A Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais e Autónomos de Sarria presentou, un ano máis, a campaña de Nadal de Sarria co fin de dar vida ao concello, embelecendo as rúas con alumeado e os escaparates dos comercios axudando a crear así un ambiente de nadal.

A primeira actividade presentada foi O LOTÓN que dará comezo o mércores día 15 de decembro e estenderase ata o 31 do mesmo mes. As compras que se realicen estre as datas sinaladas farán que un cliente do CCU de Sarria sexa gañador de mil euros, que terá que gastar no comercio asociado. Esta actividade que cumpre este ano a súa cuarta edición foi presentada como a principal desta campaña. Os mil euros premiarán a fidelidade dos consumidores ao pequeno comercio, a persoa gañadora terá que facer as súas compras antes do día de Reis. O sorteo terá lugar no bulevar da rúa Calvo Sotelo o día 4 de xaneiro.

Estes establecementos asociados poderán participar tamén no concurso de escaparates que ten como obxectivo a posta en valor dos negocios locais a través das votacións do público nas redes sociais.

Con estas iniciativas o comercio e a hostalaría queren transmitir alegría e ilusión nestas datas, a pesar das circunstancias, con precaución e seguindo todos os protocolos de seguridade fronte ao COVID.

Tamén haberá animación polas rúas en Nadal, os trasgos de nadal do CCU sai´ran para que os clientes e os viandantes poidan sacar fotos con eles, que posteriormente se publicarán nas redes.

Estas actividades convivirán coa campaña de nadal da Federación de Comercio de Lugo en colaboración coa Deputación de Lugo, “Merca no comercio local. Merca na provincia de Lugo”, no que se sortean 30.000 euros repartidos en 1.000 tarxetas prepago de 30 €. Catro sorteos de 250 tarxetas cada un, o primeiro celebrouse o día 25 de novembro e os nosos comercios asociados repartiron 38 premios, un total de case mil douscentos euros; o segundo sorteo celebrouse onte ás 12:00 horas.

Dende a Asociación búscase a maior implicación do comercio local e hostalaría, cos veciños e veciñas da Comarca así como que todos e todas apoien o comercio de proximidade.