Skip to main content

Por Rebeca Maseda

Hai unhas semaniñas estiven no Culturgal, a feira das industrias culturais que se celebra anualmente durante o inverno na cidade de Pontevedra. O proxecto comezou a súa andaina en 2007 e as primeiras edicións tiveron lugar na Coruña. Persoalmente era a primeira vez que asistía a este evento e teño que dicir que repetiría encantada! Poder disfrutar durante unha fin de semana e nun mesmo espazo da exposición de tantas novas creacións tan variadas e xeniais, e ademais, poder disfrutar en moitos casos das reflexións dos/das propios/as autores/as; en fin, pura fantasía para calquera, e en especial, para unha humanista convencida coma min.

Presentacións de libros, entrevistas con autores/as destacados/as da nosa literatura como Ledicia Costas, Manuel Rivas e un longo etcétera, mostra de artes plásticas cos seus creadores, proxeccións de películas e documentais, concertos, encontros con persoeiros moi variados do eido cultural no “Espazo Foro”; en definitiva, cultura en vea e a discreción. Mesmo pasadas xa unhas semaniñas, cóstame asimilar todo o que vin e escoitei alí.

Lembro con especial emoción a presentación dunha revista cultural chea de singularidade: “Mujerart Magazine”. Adicada ás mulleres, á arte e á historia, este fermoso proxecto “nace despois de moitas cavilacións, de ler, de investigar e de querer descubrir e non atopar respostas. Xorde cun desexo inequívoco; dar ás mulleres creadoras e artistas un espazo para o seu descubrimento, queremos remover a historia, traer de volta a aquelas que tanto sementaron e que se foron sen facer ruído e ás nosas contemporáneas, todas elas mulleres creadoras e artistas, loitadoras a contra corrente e con todo xenerosas na súa creación.”

Sen dúbida, unha revista cuns ideais moi claros e fortes que combina orixinalidade e calidade a esgalla. Todo un exemplo de compromiso feminista, tan necesario no mundo.

Durante a presentación de “Mujerart Magazine” no Culturgal, Beatriz López -editora da revista- nomeou a tres mulleres moi destacadas da Historia, portada cada unha delas dos tres primeiros exemplares: Enheduanna, María Pérez “La Balteira” e Frances Benjamin Johnston. Unha escritora, unha soldadeira e unha fotógrafa que ademais de compartir excepcionalidade “en feminino”, foron pioneiras nas súas respectivas áreas de traballo.

Enheduanna viviu no século XXIII a.C. na antiga Mesopotamia e é amplamente considerada como a primeira persoa na historia en crear obra literaria propia. Ademais de escritora de prosa e poesía, foi princesa e sacerdotisa. De feito, foi a sacerdotisa maior da deidade lunar “Nanna Suen” no seu templo de Ur (actualmente, sur de Iraq). O labor celestial desta muller queda reflectido no seu nome que literalmente significa “ornamento do ceo”. Foi unha escritora prolífica como demostra a súa colección de 42 Himnos, destacando os dous adicados a “Inanna”, deusa mesopotámica do amor. Os seus escritos son profundamente persoais e conteñen numerosos datos biográficos, incluso aparecen reflexións sobre as dificultades do proceso creativo, é dicir, que xa na antiga Mesopotamia coñecían o “síndrome da páxina en branco”. As obras de Enheduanna foron escritas en cuneiforme, unha antiga forma de escritura que usaba táboas de arxila. Lamentablemente só sobreviviron copias que se fixeron preto do ano 1800 a.C., pertencentes ao período paleobabilónico e posterior.

De María Pérez “La Balteira” coñécense moi poucos datos, tanto da súa traxectoria persoal como artística. Sabemos, grazas a un documento firmado co Mosteiro de Sobrado dos Monxes en 1257 -onde recibiu sepultura-, e a numerosas mencións nas cantigas de escarnio; que naceu en Armea, concello de Coirós (A Coruña) no século XIII e que foi unha soldadeira, trobadora e xograresa moi afamada na corte de Afonso X “o Sabio”.

Por último temos a Frances Benjamin Johnston (1864 – 1952), considerada a primeira muller fotoreporteira. Cunha traxectoria profesional impresionante, esta fotógrafa norteamericana viaxou e retratou medio mundo, dende presidentes a escritores pasando por exposicións universais e tratados de paz.

Tres mulleres, tres vidas extraordinarias anegadas de talento infinito. Bravas.