Skip to main content
Begonte

O Belén de Begonte abre este sábado

Por 3 Decembro, 2021Decembro 4th, 2021Sin comentarios

O Belén de Begonte abre este sábado as súas portas ata o 29 de xaneiro do próximo ano. O encargado de ler o pregón na igrexa parroquial de Begonte (18.00 horas) será o bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos. A continuación actuará o Orfeón Lucense e a Banda Sons e Soños, da asociación Músico Crisanto.

A cita, declarada de Interese Turístico Galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.

Este Nadal o Belén de Begonte vaise organizar de acordo de forma diferente. Cada día que funcione o Belén haberá un total de 12 pases, que comezarán ás horas: 11,00; 11,30; 12,00 e 12,30 polas mañáns, e polas tardes ás 15,00; 15,30; 16,00; 16,30; 17,00; 17,30; 18,00 e 18,30. En cada pase poderán acceder ao local 25 persoas.

Ao final de cada pase ventilarase o local ata a hora indicada, para a seguinte sesión, de acordo coa normativa vixente. Os visitantes deberán utilizar en todo momento a mascariña, e o xel de mans que terá ao seu dispor na entrada do Belén.

En reservas.belendebegonte.es poderán efectuarse inscricións individuais ata o día anterior ao previsto para asistir. E no teléfono 982.396121 deberán reservar a súa entrada os grupos (colexios, asociacións, familias…), para o acceso ao Belén.

Cando se admita a visitantes para un pase do Belén, terán preferencia os que teñan reservada a súa entrada por internet ou a través do teléfono, podendo ser admitidos a continuación, ata completar o aforo, os que non tiveran reservado a súa entrada.

CERTAMES

Exposicións e certames culturais completan a programación de actos. Así, convócase o certame galego de arte José Domínguez Guizán, así como o concurso de poesía sobre o Nadal; o certame xornalístico Begonte e o Nadal e o de debuxo infantil, ao que poden concorrer a través dos seus colexios os nenos e nenas de ata 15 anos -en dúas categorías, unha ata 10 anos e outra de 11 a 15-. Hoxe foi presentada unha publicación que recolle os traballos de xornalismo e poesía premiados na pasada edición.

Os tres certames para adultos teñen como prazo de presentación o 6 de xaneiro e concederanse premios de 600 euros para o primeiro e 300 para o segundo.

Paralelamente, segue en marcha a mostra 50 Anos do Belén de Begonte, proxectada polo colectivo Egeria e o centro cultural José Domínguez Guizán con apoio do Goberno galego e do Concello de Begonte. Parte do contido percorre de xeito itinerante máis de 30 concellos do Camiño de Santiago; mentres que varios paneis permanecen expostos na Delegación Territorial do Goberno autonómico na ronda da Muralla, a biblioteca pública da Xunta en Lugo, a catedral de Mondoñedo e a casa da cultura de Begonte. Tamén nas instalacións da SA Xacobeo e no pazo de San Roque, en Santiago de Compostela.