Skip to main content
Agro TERRACHÁXACastro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Castro de Rei acolle unha charla sobre a ferramenta Conta Láctea

Por 11 Decembro, 2021Sin comentarios

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, informou hoxe a integrantes da Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo (Africor) sobre o funcionamento de Conta Láctea, a nova aplicación informática para o cálculo de custos de produción nas granxas de vacún de leite. Na xuntanza explicou o funcionamento e as utilidades desta aplicación informática creada xunto coa Fundación Juana de Vega ao abeiro da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego.

Así, o director xeral resaltou que a principal finalidade de Conta Láctea é mellorar a xestión económica das explotacións e tamén a capacidade negociadora dos gandeiros ante as industrias. Para acadar estes obxectivos, a ferramenta permite, entre outras cousas, controlar os investimentos e os custos de produción e concretar canto custa producir un litro de leite e a que prezo se pode vender.

Outras vantaxes que ofrece son, por exemplo, o feito de ser de balde, ter un acceso sinxelo vía web, un manexo moi intuitivo e a posibilidade que aporta de emitir unha conta de resultados completa e un informe cos datos obtidos. Este informe está pensado, precisamente, para que o empreguen os gandeiros como elemento de negociación do seu contrato coa industria, de tal xeito que o prezo percibido polo leite, de acordo coa lexislación, non poida ser inferior ao seu custo de produción.

A presentación de hoxe forma parte do calendario previsto pola Consellería do Medio Rural para explicar o contido e alcance de Conta Láctea aos gandeiros galegos. Así, en vindeiras datas está previsto continuar esta rolda de contactos noutros puntos de Galicia, especialmente naquelas comarcas de maior vocación leiteira.

Lei da cadea alimentaria

O director xeral aproveitou para trasladar a preocupación da Xunta pola falta de compromiso do Goberno Central co sector primario en xeral e cos gandeiros en particular, unha actitude que se pon de manifesto -dixo- coa súa escasa contundencia para frear a venda a perdas neste ámbito produtivo. Así, Balseiros lamentou a aprobación do proxecto de lei da cadea alimentaria cos votos a favor do grupo maioritario no Goberno, tras rexeitar, entre outras, a emenda presentada para incorporar nesta norma a aplicación Conta Láctea como forma de acreditación do custo efectivo de produción.

Ademais, e co fin de garantir o cumprimento da prohibición da venda a perdas nas relacións nas que interveñan os operadores primarios, José Balseiros insistiu na necesidade de activar controis específicos por parte da Agencia de Información y Control Alimentarios (AICA).