Skip to main content
Castro de Rei LUGOXACastro de Rei TERRACHÁXA

Máis de 300 escolares asisten á semana cultural do Castro de Viladonga

Por 16 Decembro, 2021Sin comentarios

Máis de 300 escolares de Educación Infantil e Primaria de Lugo asisten desde o luns e ata mañá xoves ás oito sesións de contacontos e ilusionismo da Semana Cultural organizada polo Museo do Castro de Viladonga, xestionado pola Xunta. A escritora, narradora oral e actriz Paula Carballeira e a ilusionista Fani Triana, coñecida como a Maga Fani, son as encargadas do desenvolvemento destas actividades. O obxectivo é favorecer o achegamento lúdico da rapazada ao xacemento arqueolóxico e ás súas instalacións expositivas.

Así, na xornada do luns alumnado procedente dos colexios CEIP O Salvador da Pastoriza e Monseivane de Vilalba gozou dos contos con Paula Carballeira. O martes foi a quenda do ilusionismo, a maxia e o humor coa Maga Fani e participaron novamente nenos e nenas do centro da Pastoriza, así como do CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei.

Onte houbo outras dúas sesións de contacontos para alumnado dos colexios CEIP Quiroga Ballesteros de Lugo e Aquilino Iglesias de Abadín. Os espectáculos de ilusionismo pechan hoxe o programa coa asistencia dos centros Rosalía de Castro de Pol e CEIP Plurilingüe Muimenta de Cospeito.