Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Oito empresas optan a executar as obras do saneamento en Roimil, Friol

Por 6 Decembro, 2021Sin comentarios

Un total de 8 empresas veñen de presentar as súas ofertas para executar as obras de mellora do saneamento na parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol, cun investimento de 253.000 euros.

Esta actuación, cun prazo de execución de 6 meses, enmárcase no convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Friol para estender a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.

Segundo ese acordo, a Xunta cofinanciará a actuación nun 80%, ademais da contratación e a construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto que estará formado por unha depuradora de oxidación total.

Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a tramitación das autorización precisas para posibilitar a súa realización, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta de la Unión á pandemia da covid-19.

A rede de saneamento proxectada componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.

Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.

Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas 20 vivendas, que reúnen unha poboación equivalente de 200 habitantes.

A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local. Neste eido, os orzamentos do departamento que preside Ethel Vázquez para 2022 destinan 14,8 M€ para mellorar infraestruturas hidráulicas na provincia de Lugo.