Skip to main content
Guitiriz

Guitiriz retoma a atención psicolóxica a mulleres en situación de vulnerabilidade

Por 1 decembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Guitiriz, a través do seu departamento de Servizos Sociais, retoma o seu servizo de atención psicolóxica en materia de atención, acompañamento e tratamento a mulleres en situación de vulnerabilidade do municipio.

O obxecto do contrato, que conta cun orzamento de 34.749,54 euros e está subvencionado a través da liña para a promoción da igualdade da Secretaría General de la Igualdad del Ministerio de Igualdad, é dar atención e tratamento psicolóxico a vítimas de violencia de xénero, así como menores ao seu cargo e expostas á mesma situación, a aquelas mulleres e menores en risco de exclusión social ou en situación de vulnerabilidade.

O servizo desenvolverase nas instalacións da Casa Habanera desde o 9 de decembro e será xestionado por unha psicóloga con experiencia en materia de xénero, que atenderá ás usuarias derivadas polos Servizos Sociais municipais. Con cada unha iniciarase un proceso individualizado e integral de atención psicolóxica encamiñado a favorecer a adquisición ou recuperación do maior grao posible de autonomía social e persoal e a asegurar o seu mantemento na contorna comunitaria nas mellores condicións posibles de normalización e calidade de vida promovendo e potenciando a súa integración social.

Esta iniciativa enmárcase no II Plan de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Guitiriz 2016-2020’ que está prorrogado de xeito temporal e con previsión de renovación. O número de horas do servizo será de 23 horas semanais e 92 horas mensuais, prestándose de xeito flexible cun mínimo de 3 días á semana.

A alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destaca que “son moi importantes as xornadas e os actos conmemorativos como os que se acaban de celebrar polo 25 de novembro pero aínda o é máis estar ao carón das mulleres que o necesitan e iso é o que nós buscamos executando políticas que o permitan”.