Skip to main content
Guitiriz

Patrimonio da luz verde ao novo proxecto de construción da residencia de Guitiriz

Por 26 Decembro, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo vén de recibir da Comisión de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia o informe favorable ao novo proxecto de construción que elaborou a institución provincial para o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz tras o colapso do edificio da Casa da Botica. A entidade reformulou a proposta dentro da firme vontade do presidente, José Tomé Roca, de cumprir co compromiso de dotar á veciñanza do concello chairego desta dotación social pública tan necesaria e demandada. 

Logo de diversas consultas entre os servizos técnicos da Deputación e da Xunta de Galicia, a Comisión de Patrimonio da Administración autonómica vén de darlle luz verde ao proxecto, que mantén os elementos singulares da antiga Casa da Botica, como son o reloxo de sol, as xambas e a lareira, que quedarán integrados no novo edificio para conservar estes elementos patrimoniais catalogados e de interese.

A nova proposta para o Centro de Atención a Maiores de Guitiriz é unha adaptación do proxecto anterior e os cambios máis significativos teñen que ver coa distribución do edificio. No soto, que ocupará a metade da planta do inmoble histórico, situaranse os servizos de lavandaría e acumuladores de auga; a planta baixa contará cun espazo común coa lareira de protagonista, unha zona de actividades, uns aseos, vestiarios, a cociña e o comedor, mentres os dormitorios dos residentes, as dependencias de enfermería e o despacho médico estarán situados na primeira e na segunda planta. 

O seguinte paso será solicitar todos os permisos e autorizacións necesarias, entre os que se atopa o Permiso de Inicio de Actividade (PIA) á Xunta ou a modificación da licenza municipal ó Concello para, unha vez concedidos, poder licitar de novo as obras e que veciñanza se beneficie dunha dotación social pública tan importante e necesaria como esta residencia.