Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Idoia Cuesta gaña o premio Artesanía de Galicia

Por 14 Decembro, 2021Sin comentarios

O Premio Artesanía de Galicia, que é a máxima categoría destes galardóns e está dotado con 9.000 euros, recaeu no obradoiro Idoia Cuesta. Cestería Contemporánea pola súa peza Abisal, un cesto elaborado con tanza de pesca, un material plástico e translúcido empregado habitualmente para a pesca artesanal, que conforma a peza central dunha colección de cestos máis ampla e baseada na zooloxía mariña. Os obradoiros Santiago Besteiro Design (Monterroso) e Jatafarta (Santiago de Compostela) resultaron finalistas neste apartado dos premios. O xurado destacou que Abisal é unha “peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manisfestación contuntende do oficio”.

Idoia Cuesta recibiu o premio de mans do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na gala dedicada a este sector do que forman parte case 3.300 profesionais que traballan en 749 obradoiros e cuxas actividades dan emprego a máis de 7.800 persoas.

Idoia Cuesta é unha referencia na actualización das técnicas da cestería e a súa aplicación a diferentes materiais coma o téxtil ou a tanza de pesca, como no caso de Abisal. Gañadora do Premio Produto nos Premios Nacionais de Artesanía no ano 2014 e do Premio de Artesanía Contemporánea 2021 outorgado pola asociación Sacco.

O Premio Traxectoria, de carácter honorífico, foi para o luthier Álvaro Seivane Magide, titular do Obradoiro de Gaitas Seivane, pola súa destacada traxectoria profesional e investigadora na gaita galega, a proposta da Asociación Galega de Artesáns.

Álvaro Seivane é o continuador dunha herdanza familiar que ten as súas orixes no século pasado, desde que en 1939 co patriarca Xosé Manuel Seivane Rivas. Hoxe en día, Seivane é un apelido asociado á gaita, á calidade na produción e á innovación. Con Álvaro Seivane como mentor, o obradoiro desenvolveu investigacións sobre cuestións de ton, de timbre, de afinación e de sonoridade, incorporou novos materiais sintéticos, punteiros de afinación regulable e anelas metálicas inoxidables, recuperou o fol tradicional de cabrito e chegou a implantar o de fibras transpirables. No ano 2013, o Obradoiro Seivane recibiu o Premio Nacional de Artesanía e no ano 2014 a Medalla Castelao.

Por outra banda, a Julia de la Cal, do obradoiro de cestería La Parabólica (O Porriño), correspondeulle a Bolsa Eloy Gesto, dotada con 4000 euros que investirá na continuación da súa formación en Francia, coa asociación L’Oserai du Possible, un referente no oficio do traballo con vimbio e coas plantas de teceduría.

ENTREGA DE PREMIOS

Durante a entrega dos Premios Artesanía de Galicia 2021, Feijóo recordou que o número de obradoiros abertos aumentou nesta última década un 65% e o número de artesáns un 18%. “E desde a chegada ao goberno investimos preto de 22 millóns de euros destinados á modernización, á mellora da comercialización e a formación de aprendices no sector”, precisou, subliñando que Galicia foi a primeira comunidade cunha marca propia neste eido -Artesanía de Galicia-, presente en países de todo o mundo como Xapón, Reino Unido, Australia, Suecia ou Italia.

Logo de reiterar o compromiso da Xunta con esta industria, incidindo na necesidade de promocionar as manufacturas galegas, á vez que se fomentan novas vocacións e se mellora a formación dos profesionais, o titular do Executivo galego trasladou os parabéns aos premiados e finalistas pola súa contribución ao patrimonio cultural galego. Así, gabou os deseños contemporáneos da cesteira Idoia Cuesta, Premio Artesanía Galicia 2021; e a traxectoria de Julia de la Cal, galardoada co Premio Bolsa Eloy Gesto, que lle permitirá viaxar a Francia para formarse en obradoiros especializados na cestería e coñecer as granxas de produción de vimbio.

No tocante a Álvaro Seivane, premio honorífico, Feijóo afirmou que representa a veteranía, cun oficio que herdou do seu pai, Xosé Manuel Seivane, que en 1939 construíu a súa primeira gaita; “unha primeira peza que foi o xerme do actual Obradoiro de Gaitas Seivane en Cambre, todo un referente internacional na elaboración deste instrumento, onde tamén aporta a súa mestría o seu irmán Xosé Manuel e onde contan xa coa nova xeración que segue os seus pasos na artesanía e, por suposto, na interpretación”, lembrou.