Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

Outeiro de Rei acolleu unha nova xuntanza da mesa contra a violencia de xénero

Por 17 Decembro, 2021Sin comentarios

O Concello de Outeiro de Rei acolleu unha nova xuntanza da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero.

Nela participaron, ademais dos representantes políticos, técnicos do concello como a de desenvolvemento local, a traballadora social, a educadora familiar e a de prevención das drogodependencias.

Tamén participaron responsables de violencia de xénero da Subdelegación de Goberno, membros das forzas e corpos de seguridade do Estado, dos colexios da zona, de centros sanitarios, así como da asesoría xurídica e técnica.

O obxectivo xeral da Mesa Local de Coordinación é a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero, xa que segundo indicou a violencia machista constitúe o máis cruel expoñente da falta de igualdade na sociedade e un dos ataques máis flagrantes aos dereitos fundamentais das persoas constituíndo un atentado contra o dereito á vida, á seguridade e á liberdade, á dignidade e á integridade física e psíquica das vítimas e, polo tanto, un obstáculo para o desenvolvemento dunha sociedade mais xusta e igualitaria.

Nesta xuntanza fíxose unha posta en común da situación actual da violencia de xénero no municipio a través do intercambio de datos existentes nos diferentes ámbitos de actuación da mesa de cara a posibles actuacións ou para recoller necesidades de mellora da coordinación na loita contra o avance da violencia de xénero.

Así mesmo, deuse conta do programa de formación concedido a este Concello pola Secreataría Xeral de Igualdade destinado á activación e dinamización das MLC buscando saber o interese por parte das persoas integrantes da mesa de participar no mesmo.