Skip to main content
As Pontes

As Pontes presentou o seu Almanaque Histórico

Por 31 Decembro, 2021Sin comentarios

Nove meses despois de terse iniciado o proceso de participación veciñal, o Concello das Pontes presentou o Almanaque histórico e comunitario 2022, composto por preto de medio millar de acontecementos locais en temas tan diversos como a cultura, o deporte, a industria, a política, a relixión, o asociacionismo, o medio ambiente, o ensino, a ciencia, a saúde ou curiosidades do universo local.

A presentación celebrada na Casa Dopeso, correu a cargo da promotora e concelleira de medios locais, Lorena Tenreiro, e de Ismael Blanco, sociólogo pontés e redactor dos textos. Ao acto de presentación asistiron numerosas asociacións que achegaron durante o proceso de participación a súas datas de constitución e a maiores algúns eventos como a apertura de locais sociais, principais actividades organizadas, feitos relevantes para as parroquias, acontecementos culturais ou logros deportivos.

No acto, a concelleira resaltou que “para a elaboración do almanaque, foron fundamentais as aportacións veciñais a través de encontros e entrevistas coas asociacións e persoais a título particular, que facilitaron os feitos que consideraron de maior interese e impacto para as súas vidas. A todas elas queremos agradecer o seu tempo e dedicación, sentindo moito que non todas as súas achegas poidan estar incluídas no almanaque, principalmente por motivos de falta de espazo”.

Na presentación lembrouse que o almanaque é unha iniciativa municipal, que xurde como proxecto cultural pensado para divulgar doutro xeito a historia local e a activa vida social e sociolóxica dos habitantes das Pontes. Recóllense en cada un dos 365 días do ano, un feito acontecido no municipio dende o século XIII ata o ano 2021, producidos o mesmo día pero en anos anteriores.

O calendario está deseñado non só é para ler, se non tamén para desfrutar das fotografías históricas que ilustran cada mensualidade. As trece imaxes, forman parte do álbum municipal Daquela As Pontes, é reflicten escenas dunha sociedade en continua transformación e moi diferente á actual.

Ismael Blanco comentou en que consistiron os traballos de investigación documental, apoiados principalmente en hemerotecas, arquivos históricos e revistas locais. “Consultouse a historiadores e especialistas de diferentes ramas do coñecemento que recomendaron diversas publicacións, así como tamén, achegaron datas concretas de interese para a sociedade pontesa”.

Nas próximas semanas o Concello fará entrega dun exemplar do almanaque 2022 a cada familia do municipio, coa finalidade de que sexa un documento que serva de consulta e de desfrute durante cada día dos 365 do novo ano 2022.