Skip to main content
Vilalba

O Pleno de Vilalba votará este xoves a nova ordenanza de tráfico

Por 1 Decembro, 2021Sin comentarios

O pleno do Concello de Vilalba debatirá este xoves a aprobación inicial da súa ordenanza de tráfico, un documento de traballo ao que se chega despois de meses de estudos técnicos para facer “mais eficientes e sustentables” os desprazamentos de vehículos e peóns, mellorando a seguridade.

En concreto, os obxectivos desta Ordenanza Xeral Municipal sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Viaria, son a regulación dos usos das vías urbanas e travesías, facendo compatible a equitativa distribución dos aparcadoiros entre todos os usuarios, compatibilizar a fluidez do tráfico rodado co uso peonil das rúas, e fomentar a seguridade viaria e a prevención de accidentes.

O texto establece medidas de “limitación do estacionamento, co fin de garantir a rotación dos aparcadoiros, prestando especial atención ás necesidades das persoas que teñen reducida a súa mobilidade”, así como a “regulación do réxime de utilización privativa ou aproveitamentos especiais sobre as vías públicas”, entre outros aspectos.

PACES

O pleno tratará tamén a aprobación do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía (PACES) do Concello de Vilalba, que implica o compromiso de reducir nun 40% as emisións de efecto invernadoiro no 2030, aumentando o uso de enerxías renovables e baixando o consumo enerxético. 

Despois da aprobación por unanimidade na sesión plenaria de marzo deste ano da proposta para que o concello de Vilalba se sumara ao Pacto dos alcaldes polo clima, o grupo de Goberno do PSOE agarda recibir o apoio da corporación para pasar á acción. Deste xeito, unha vez realizado o inventario das emisións de referencia, poderase mitigar e avaliar a efectividade das accións que se propoñen, analizando datos e avaliando riscos diante da vulnerabilidade do cambio climático.

Cidades que Camiñan

No pleno votarase por outra parte a adhesión do Concello de Vilalba á rede Cidades que Camiñan, unha asociación sen ánimo de lucro aberta a concellos e administracións que traballa con diferentes iniciativas para que “os peóns sexan os máximos protagonistas da mobilidade urbana e o espazo público”.

Por último, levarase unha proposta de acordo para chamar Parque Rosalía de Castro ao situado na intersección das rúas Calvario e Monseñor Rouco Varela, que se coñece popularmente como parque do antigo cemiterio. A proposta foi solicitada polo Instituto de Estudos Chairegos ante o concello.