Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

Volven os premios para a loita vilalbesa na volta á competición

Por 13 Decembro, 2021Sin comentarios

O Club Loitas Olímpicas de Vilalba acadou o segundo posto por equipos nos Campionatos Galegos de Loitas Olímpicas das modalidades cadete e sénior, que se disputaron en Santiago de Compostela.

O segundo posto do equipo foi na categoría sénior na modalidade libre olímpica masculina, categoría na que só contaban con dous loitadores que á postre acadaron senllos ouros. Trátase do inesgotable José Cuba en menos de 125 kg e de Bekbol Onggarov en menos de 74 kg. Ambos gañaron todos os seus combates con superioridade nun evento con moitas baixas tanto pola súa proximidade ao inicio da tempada como pola resaca da situación sanitaria que aínda nos mantén nunha certa excepcionalidade.

“Debido a que as categorías base do noso club aínda están retomando os adestramentos cun contacto limitado non crimos convinte desprazar equipo cadete ao evento, decisión que pareceu ser compartida por moitos outros clubs galegos”, explican dende o club. “En canto podamos retomar a normalidade nos adestramentos volveremos contar con tódolos equipos anteriores á categoría absoluta nos principais eventos nacionais”, engade.

Con este evento dase o verdadeiro pistoletazo de saída para o inicio da tempada deportiva na que José Cuba confirma a súa disposición a continuar noutro ciclo olímpico. Bekbol pola súa banda e con tan só 18 anos confírmase como a principal baza galega en 74 kg tanto na categoría sénior como júnior.