Skip to main content
Vilalba

Preocupación no goberno local pola concentración dos comerciantes da Pravia o día da Feira do Capón

Por 19 Decembro, 2021Sin comentarios

Tras semanas de silencio, o colectivo de comerciantes vilalbeses da rúa da Pravia volveron convocar unha concentración en contra da dirección única da vía, decretada polo Concello dentro do plan de mobilidade.

Malia que durante un tempo estableceron un voto de confianza ao Concello mentres se realizaban as obras na vía volven agora a reclamar que se lle devolva a bidireccionalidade alegando que a situación actual causa moitos problemas á xente que vén de fóra do casco urbán.

Xunto a esta reclamación está a de que o Concello faga un regulamento do párking da praza da Constitución para que non se use como garaxe. Afirman que a situación actual está causando graves prexuízos aos seus negocios.

As protestas comezarán de novo nunha data moi sinalidad, a celebración da Feira do Capón, o próximo martes 21 de decembro. Esta realizarase entre as 10.00 e as 12.00 horas na Alameda de Basanta Olano de Vilalba, xusto ao lado da feira.

Os comerciantes afirman que a súa intención é non facer dano á celebración da feira pero escolleron esta data para facer máis visible o seu malestar.

De feito, están a repartir octavillas entre a veciñanza para que secunde a concentración.

Mentres tanto a alcaldesa, Elba Veleiro, fixo un chamamento ao colectivo pedindo responsabilidade ante a concentración. Afirma que a prioridade do goberno municipal é que a Feira do Capón se celebre con normalidade e de xeito satisfactorio para criadores, vilalbeses e visitantes despois da cancelación da última edición por mor da pandemia.

“A recuperación da presencialidade nunha cita tan importante para Vilalba vén condicionada pola convocatoria da concentración”.

Veleiro vén de confirmar que “presentamos un escrito de alegacións ante a Subdelegación para que se garanta ese día a seguridade de todas as persoas, pedindo que esta concentración se circunscriba á zona solicitada pola asociación, na parte inferior da praza da Constitución”. Nese senso, a rexedora subliñou que “poremos e pediremos todos os medios para que a xornada transcorra con normalidade polo ben de todos, aínda que amosamos a nosa discrepancia co momento elixido”.

Desde o goberno local fan referencia á situación sanitaria, que esixe “un esforzo importante” para organizar este tipo de eventos, mais especialmente aluden á relevancia que ten para o pobo esta cita tan importante a nivel gastronómico, cultural e mesmo turístico, coa asistencia de veciñanza e persoas de fóra da localidade “que se achegan á feira polos capóns, mercan no comercio de Vilalba e consumen na nosa hostalería”.

Porén, a alcaldesa manifestou “o respecto absoluto ao dereito dos cidadáns a manifestarse, pois cada un de nós así o facemos coas causas que consideramos” pero explicou que “nesta ocasión, cremos que a decisión non vai en contra do goberno, senón que afecta á cidadanía en xeral”.

“Nós si temos claro que o nome de Vilalba, o de todos e cada un de nós, representado ese día por unha das citas emblema da nosa localidade como a Feira do Capón, momento no que criadoras e criadores expoñen os seus produtos despois de todo o traballo dun ano, e que conta coas complicacións organizativas engadidas da situación sanitaria, está por riba de todo o demais”.

Concluíu pedindo responsabilidade e agardando unha Feira do Capón 2021 que “nos devolva unha xornada única en Vilalba despois de dous anos da súa derradeira celebración”.