Skip to main content
Deportes TERRACHÁXAVilalba

Remata o prazo para inscribirse na VI carreira San Silvestre Vilalbesa

Por 27 Decembro, 2021Sin comentarios

Este ano celebrarase de novo a tradicional carreira de Nadal de San Silvestre, o propio día 31 de decembro, acadando a VI edición desta cita.

O prazo de inscrición para participar estará aberto ata o 28 e os interesdos poderán anotarse de forma presencial na oficina municipal de deportes en horario de 9.00 a 14.00 horas ou a través da web www.championchipnorte.com, onde se pode consultar xa todo o regulamento.

Un ano máis a celebración consistirá en correr disfrazados para entrar no sorteo de agasallos. Novamente haberá diferentes carreiras en función das idades dos participantes. Así, a categoría A, para nacidos entre 2016 e 2018, empezará ás 16.30 horas e terá un percorrido de 200 metros. Dez minutos máis tarde sairá a categoría B, para os anos 2014 e 2015 e con 400 metros de carreira.

Seguirá a categoría C (2011, 2012 e 2013), cun quilómetro de percorrido e con saída ás 16.50 horas. Rematarán a quenda dos menores ás 17.00 con 1.600 metros de percorrido para corredores dos anos 2008, 2009 e 2010.

A carreira absoluta será a partir das 17.30 horas —a saída e meta estarán na Rúa dá Pravia— e para participantes nados nos anos 2007 e anteriores, que terán que completar unha distancia de cinco quilómetros.

A organización avanzou que haberá trofeos para os tres primeiros.

Paralelamente terá lugar unha andaina de 2,5 quilómetros e aberta a persoas de todas as idades. Ao finalizar, todos os rexistrados poderán gozar dun chocolate con churros.

A inscrición terá un prezo de 2 euros para andaina e de entre 3 e 5 euros para a carreira absoluta. Os pequenos poderán participar de balde.