Skip to main content
Vilalba

O PP de Vilalba acusa ao Concello de incumprir as súas promesas

Por 29 Decembro, 2021Sin comentarios

O goberno local de Vilalba é ineficaz no esencial e importante para os veciños”. Así o definen os populares facendo balance deste 2021 que esta a piques de rematar con “moitas promesas incumpridas por parte do goberno socialista” e “unha total falta de xestión”.

A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, explica que “seguimos á espera de pasos adiante sobre o PXOM, o Plan de Mobilidade ou a ampliación do polígono para a creación de máis solo industrial. Tampouco hai avances sobre a depuradora, o centro de día ou a RPT que permitiría actualizar os postos de traballo e incorporar persoal administrativo para avanzar nos expedientes do Concello”.

Vázquez engade outros exemplos que evidencian a “falta de xestión do goberno local de Vilalba”. De feito, “o Concello de Vilalba non dispón dunhas contas aprobadas para o 2022: outro ano máis sen orzamentos”. A este respecto, lembra que “o actual goberno non foi capaz de presentar ningún proxecto de orzamentos, a ferramenta imprescindible para desenvolver os proxectos de calquera goberno. Ata agora están prorrogados os que aprobara o anterior goberno do PP para o ano 2019”.

Igualmente, incide a popular en que “o contrato de recollida do lixo leva máis dun ano e medio caducado e o goberno local continúa sen licitar de novo; a pesar de que a alcaldesa se comprometera a facelo antes de que rematase o ano pasado”.

Vázquez apunta outro exemplo da falta de xestión do goberno municipal: “o Concello de Vilalba ten concedidas 1.300 horas ao mes por parte da Xunta; pero non as está cubrindo, a pesar de haber persoas en grado 1, 2 e 3 en lista de espera. Isto é realmente grave para as persoas que necesitan esa atención e están agardando polo SAF”, condena.

“Tardanza” dun goberno en minoría

Os populares condenan que os sectores afectados pola pandemia tiveran que agardar 11 meses a que o goberno local dese cumprimento ao acordo plenario do mes de xaneiro e convocase as axudas. “A inactividade do goberno socialista lastrou a situación de autónomos e negocios que sufriron a crise da covid-19”, di a voceira.

Vázquez remarca que “tamén prexudica aos comerciantes da rúa da Pravia a decisión unilateral do goberno local de converter esta vía en unidireccional, unha situación que tamén xera inconvenientes para veciños e visitantes”. A este respecto, engade que “aínda non coñecemos os informes técnicos e xurídicos que avalen a decisión xa adoptada polo goberno local socialista”.

A voceira dos populares fai fincapé na situación de minoría deste goberno local tras “apartar de forma unilateral a Vilalba Aberta do goberno de coalición”. Esta situación “obriga ao goberno municipal a negociar para tratar de chegar a acordos cos outros grupos da corporación”. Así, “houbo que esperar 11 meses para que o PSOE se puxera de acordo con Vilalba Aberta para convocar as axudas aos entes asociativos”. Vázquez lamenta que as asociacións dispuxeran de pouco tempo para xustificar as axudas e, o que é más triste, sen saber se as recibirían en tempo e forma”.