Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mancomunidade promocionará en Fitur o Plan de Sustentabilidade Turística

Por 18 Xaneiro, 2022Xaneiro 19th, 2022Sin comentarios

A Mancomunidade de Concellos presentará en Fitur a entrada en vigor do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense 2022–2024. A entidade asiste ademais cunha axenda de contactos e reunións de traballo con turoperadores, empresas e medios de comunicación especializados no eido turístico.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, sinala que “unha edición mais o xeodestino da Mariña Lucense estará presente na Feira Internacional de Turismo (Fitur) da man de Turismo de Galicia e presentaremos alí ante autoridades, prensa especializada, turoperadores e profesionais do sector turístico a entrada en vigor do Plan de Sustentabilidade Turística da Mariña Lucense 2022 – 2024”.

Cajoto subliña que “a participación na feira ten por obxectivo traballar na promoción e reactivación turística do destino para impulsar un sector que ten unha ampla marxe de crecemento e que constitúa unha fonte de emprego estable durante todo o ano. Os destinos nacionais gañan aínda mais peso dentro da oferta turística: temos que medrar e ser unha opción real non só na tempada estival, senón tamén fóra desta”.

A promoción do xeodestino terá lugar, por un lado, na presentación programada para o venres 21 ás 11:00 horas no stand de Turismo de Galicia baixo o título Plan de Sostenibilidad Turística en A Mariña Lucense 2022-2024. Neste acto intervirán o Presidente da Mancomunidade, Francisco Cajoto, acompañado da directora de Turismo, Nava Castro, e do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.

Durante a presentación proxectaranse distintas gráficas e un vídeo resumo do Plan de Sustentabilidade Turística na Mariña Lucense composto por 5 eixos programáticos, que á súa vez engloban 18 liñas de actuación cunha inversión total de 2,225 millóns de euros, que xorde do convenio asinado entre a Secretaría de Estado de Turismo, a Axencia de Turismo de Galicia e a Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, e para o que a Deputación de Lugo apoiará ao ente supramunicipal e aos Concellos no 10,11% da achega que lles corresponde cunha aportación de 81.000 euros, financiando o 44,94% a SETUR e  outro 44,94% a Axencia de Turismo de Galicia.

O presidente da Mancomunidade explica que “o PST é unha verdadeira oportunidade para establecer un marco estratéxico de traballo e afrontar con éxito o desenvolvemento turístico sostible na Mariña Lucense, ten por obxectivo principal promocionar un turismo respectuoso co territorio, poñendo en valor o seu patrimonio cultural e natural protexido para frear a perda demográfica especialmente nas áreas rurais dos distintos concellos, que garanta o desenvolvemento dun modelo rendible no tempo para un destino cunha visión do turismo a longo prazo”.

Así mesmo dende o mércores, 19 de xaneiro, o ente supramunicipal concertou reunións con operadores turísticos co obxectivo de presentarlles toda a variedade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino, coñecer os servizos que ofrecen na Mariña Lucense, ampliar a presenza nos seus programas e a inclusión do xeodestino entre a súa oferta, de ser o caso. Tamén se producirán reunións para coñecer casos de boas prácticas noutros destinos, empresas especializadas e tecnoloxías con posibilidade a aplicar no territorio.

As persoas que acudan a Fitur 2022 poderán atopar información turística sobre A Mariña Lucense e os distintos concellos no módulo provincial de Lugo no stand de Turismo de Galicia, sito no pavillón 9 do recinto feiral de Ifema.

O Feira Internacional de Turismo prolongarase ata o vindeiro domingo, día 23.